Diego Vázquez, presidente do Carballo Basket Xiria, fai un chamamento para que os carballeses acudan este sábado ao partido máis importante:
Estimados Amigos:
Con estas liñas quero invitarvos ao que será o partido máis importante da tempada do noso club. Esa importancia non está no resultado do partido, senón no que significa como reflexo do traballo realizado por todos nós ao longo destes últimos anos.
Cando o sábado saia o noso equipo, o Carballo Básket, a enfrontarse ao mellor conxunto da Liga EBA deste ano por un posto nas semifinais do “play off” de ascenso a Leb Prata, quedará culminado un traballo de máis de dúas décadas no baloncesto de Carballo, un traballo que recollería o nome de moitas persoas e que, dende o ano 2005, teño a honra de presidir.
Durante este tempo foron centos de rapaces de Carballo e da Comarca de Bergantiños os que practicaron baloncesto nos nosos equipos, e que sempre o fan coa ilusión de chegar a formar parte dun equipo que leva o nome de Carballo, por Galicia e por España.
No ano 2006 puxemos en marcha o proxecto de crear un club de base, Escola Básket Xiria, coa intención de fortalecer o traballo na canteira. Dende ese ano, chanzo a chanzo, os nosos equipos foron medrando e apostando pola calidade na formación e por ofrecer aos nosos xogadores o mellor elenco de adestradores posible. Grazas a iso acumulamos recoñecementos e premios (títulos comarcais, zonais, copas Galicia, participacións na Liga Galega, convocatorias de xogadores coas seleccións galegas e españolas, etc…).
Esta pasada fin de semana acadamos un éxito que, non sendo o máis importante, garda un gran significado representando o que poderíamos chamar o noso método de traballo. O equipo júnior feminino, ese que une a un grupo de xogadoras que se manteñen xuntas dende cativas, lograron o primeiro posto da liga zonal na súa categoría e representarán ao noso club na vindeira Copa Galicia, cun traballo xordo e constante dende o ano 2007 cando conseguiran a Copa Coruña. Traballaron moito tempo ata facer palpable o moito e moi bo aprendido con esforzo e tesón. A ilo contribuíron varios adestradores, o mellor que o club lle puido poñer á súa disposición.
Do mesmo xeito, na mañá do domingo, o noso segundo cadro sénior, o que tanto nos está axudando para que os xogadores da nosa canteira se incorporen ao primeiro equipo, conseguiu o título da Primeira División Coruñesa e o dereito a disputar o ascenso á Liga Autonómica. Un equipo formado por ata tres xeracións (anos 1979, 88 e 93) de xogadores da canteira do noso club. Eles son a expresión máxima de toda a historia de traballo das nosas categorías de base.
É por elo polo que consideramos que o vindeiro sábado non só será un motivo de ledicia polo importante éxito do equipo de EBA, que sitúa ao noso club como o 6º de Galicia e un dos 100 máis importantes de toda España, do que hoxe por hoxe é o 2º deporte de equipo en importancia do país. Tamén servirá de desculpa para sentirnos orgullosos do brillante pasado, desfrutar dos éxitos do presente, e ilusionarnos cun futuro onde os xogadores da canteira serán os que den o sentido principal ao club.
Diego Vázquez Reino
Presidente de Carballo Basket
SÁBADO 9 DE ABRIL, 19.00 H, PAVILLÓN VILA DE NOIA, PLAY-OFF ASCENSO LEB PRATACARBALLO BASKET XIRIA – AURTENECHE MAQUINARIAEtiquetas: deporte, Xiria basket
Seguir lendo...