Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, enero 20, 2011

Carballo no espello


Falamos dese Carballo que se esconde detrás dos valados que ocultan outros valados. Esa parte de nós que resultaba demasiado difícil de afrontar, demasiado dolorosa, e que un día preferimos ignorar, enmascarar, mirar cara a outro lado, pensar que non existía, para poder ofrecer un cara máis amable, máis moderna, máis aceptable… esa parte de nós está oculta, pero segue viva. E de vez en cando sae á luz para reventarnos nos fuciños e recordarnos a nosa realidade.

Falamos da recente detención dun dos delincuentes máis buscados da capital de Bergantiños, un mozo que con 21 anos acumulaba xa un historial delictivo propio do Vaquilla. E máis concretamente, de todos os acontecementos inusuais que rodearon a detención, coa participación de reforzos policiais, apoio aéreo dun helicóptero, e co enfrontamento entre as forzas da orde e os seus familiares e amigos do Sixto. Aspectos que fixeron unha vez máis que Carballo ocupase portadas de medios de tirada autonómica dando unha pésima imaxe. Unha realidade que hoxe completa o BOE, por unha vez na súa verdadeira función xornalística, dando conta da dramática situación de miseria que se vive nos poblados moinantes de Carballo e Coristanco por mor dunha crise que dun xeito ou outro acaba por afectar a todos. Das 120 toneladas de alimentos repartidos por concellos e ONG’s entre os máis necesitados de toda a Costa da Morte, case a metade foi para Carballo.

Por iso, cando nos decatamos de que non somos esa cidade moderna do futuro que moitos pensan, senón que a uns centos de metros da praza do Concello habita a pobreza máis desesperante, é momento de actuar. E actuar significa tomar conciencia dos problemas de marxinalidade que temos, expoñelos, non ocultalos, e afrontalos. Ou cando menos intentalo. Porque se o que decidimos e voltar a tapar todo, tirar para adiante coma se nada, daquela os problemas non van desaparecer senón que van medrar. E periódicamente voltarán a saír a luz, aumentados. E se cadra chegará un día no que sexa demasiado tarde e non haxa nada que facer.

Etiquetas: ,


Seguir lendo...

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner