Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

sábado, enero 29, 2011

E os nominados son:


Na reunión celebrada hoxe polo Consello Asesor do PADROADO DOS PREMIOS DE CARBALLÉS, BERGANTIÑÁN E GALEGO, anunciáronse as seguintes propostas:


CARBALLÉS

Escola Lubiáns de Hockey
Pola súa destacada labor na promoción do deporte do hockey a patíns no Concello de Carballo, así como pola súa traxectoria nas diferentes competicións por equipos e categorías, levando o nome de Carballo por diversos puntos da xeografía nacional.

Xosé Ramón Freixeiro Mato
Filólogo carballés, profesor da facultade de filoloxía da Universidade de A Coruña cunha profusa obra tanto de artigos como libros de texto e monografías. Foi nomeado no 2010 catedrático na Universidade da Coruña
Fernando Cabeza Quiles
Profesor de ensino primario, articulista e conferenciante. Como gran coñecedor da toponimia galega, ten editada unha obra que recolle a orixe da maioría dos nomes das vilas galegas,

Restaurante As Garzas
A Fernando Agrasar, propietario do restaurante As Garzas, por acadar por segundo ano consecutivo unha estrela michelín.

Salvamento y Socorrismo Carballo
por acadar que non se recorde xa o último veraneante que morriu afogado nas nosas praias e pola sua constante labor de precaución

Araceli Vila
Presidenta da Asociación Amigos de los Perros

Sección Balonmán Xiria
Polo traballo que están a facer coa canteira.


BERGANTIÑÁN

Unión Deportiva Paiosaco
Unión Deportivo que preside Alfonso Pazos e que no ano 2010 celebra o seu 50 Aniversario.

Plataforma Queremos Galego
Plataforma de asociacións e partidos políticos creada según a mesma para a defensa e mantemento do galego sen discriminación en toda a sociedade, e principalmente no ensino

José María Varela Martínez
Pontecesán, mestre, alma máter da Asociación Monte Branco de O Couto (Ponteceso), asesor cultural no Concello de Cabana e membro da Fundación Eduardo Pondal.

Oleiros de Buño
Por manter viva unha tradición de tantos anos por medios artesanais, así como a labor creadora. Sendo hoxe en día un referente tanto da localidade como da comarca de Bergantiños e acandado incluso proxección nacional e internacional

Antonio Gómez Pan
Naceu en Laxe, e o Xefe do Servizo de Endocrinoloxía da Hospital da Princesa en Madrid.


GALEGO

Asfedro
A Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), constitúese no ano 1985 por iniciativa da sociedade ferrolá, xorde como entidade sen ánimo de lucro co fin de prestar unha asistencia integral

Vaca Films
Vaca films é unha empresa nacida a principios do 2003 e dirixida por Emma Lustres xunto á que traballa un equipo estable de desenvolvemento entre os que cabe destacar a Borja Pena, que.

Centro Foltra
Asociación dirixida por Jesús Devesa, por ser unha nova esperanza para os que sufriron lesións en algúns caso irreversibles

Luis Tosar
Actor galego cunha ampla traxectoria no mundo do teatro, cine e televisión, nesto momento é un dos grandes actores do cine español con proxección internacional. Ten acadados diversos galardóns entre os que cabe destacar o premio Goya como mellor actor de reparto en "Los lunes al sol", e ahí poucas datas como mellor actor pola súa participación en "Celda 211"

Xavier Gómez Noya
Deportista ferrolán, triatleta, campeón mundial sub-23 no 2003, campeón de europa no 2007 e campeón da copa do mundo no 2006, é un dos máis importantes deportistas galegos. Destaca a súa traxectoria deportiva e a súa fortaleza e adicación como exemplo de esforzo persoal. No 2007, foi considerado o mellor deportista galego do ano.

Fundación Castelao
A Fundación Castelao é unha institución con carácter privado (non institucional) que foi creada no ano 1984 co fin de estimular e favorece-la cultura galega en xeral e, en particular, o fomento das artes plásticas, etnográfía, socioloxía, economía e política galegas, narrativa e teatro, campos en que tanto se distinguiu o xenio de Castelao

Manfred (Man) Grädinger - O Alemán de Camelle
A Título póstumo. Polo seu labor como artista, amante e defensor da natureza e o seu apego a nosa terra. Considerado un dos símbolos da catástrofe do Prestige

Luz Casal
María Luz Casal Paz (Boimorto, 11 de noviembre de 1958), coñecida artísticamente como Luz Casal, é unha das solistas máis valoradas da música española. Logrou fama internacional, especialmente en Francia. As ventas dos seus discos ascenden a máis de 5.000.000 de exemplares.

Etiquetas: ,


Seguir lendo...

viernes, junio 05, 2009

Hoxe entréganse os premios do Padroado Fogar de Bergantiños


O acto será ás 20:30 h., no Salón de Plenos do Concello de Carballo, baixo a presidencia do Conselleiro de Cultura, Roberto Varela.Será presentado por Pedro Tasende.

Os premiados este ano son Fina Rey (carballesa do ano), a "Fundación Eduardo Pondal" (Bergantiñán do ano) e Jorge Mira Pérez (galego do ano). Tralo salto, tedes os currículos.



JOSEFINA REY BALDOMIR (Fina Rey), naceu en Carballo, no seno dunha das familias máis coñecidas da Vila, a “Casa Rey”.
Tras cursar o bacharelato na Academia Leus, fixo maxisterio na Coruña. Unha vez rematada a carreira pasou por destinos que a foron marcando ao seu modo, como persoa e como docente.
O primeiro destino foi lonxe da súa casa, San Clemente de Cesar, en Caldas de Reis; tiña na escola 55 nenos de entre 6 e 14 anos. Curiosamente aquí veulle a vocación como mestra, que non a tiña ata ese momento. De Caldas pasou ao corazón de Galicia, Santa Mariña de Pescoso, no concello de Rodeiro. E desde aí xa veu para a Comarca de Bergantiños, dando clases durante un curso na parroquia de Langueirón, en Ponteceso. Desde 1972 a 1980 ensinou na Vila de Pondal, e xusto ao ano seguinte, recala definitivamente no seu Carballo natal, formando parte do equipo educativo do recentemente creado Colexio Bergantiños. Neste centro votou raíces no máis amplo sentido da palabra, xa que sen Fina e outros compañeiros non se concibiría a traxectoria educativa deste colexio exemplar. E ata hoxe, ata a súa xubilación. Foi directora, xefa de estudios, aínda que por riba de todo, unha mestra para os seus alumnos. Débese destacar o seu compromiso de lograr unha formación integral do alumnado compaxinando o ensino regulado coa educación non formal por medio da cultura e o deporte en horario extraescolar; un proxecto educativo no que se involucrou a totalidade da comunidade educativa do Bergantiños.
Pero a contribución de Fina Rey ao desenvolvemento de Carballo non se queda só no mundo educativo, senón que tamén se extende ao ámbito pastoral, social, cultural, e de axuda aos demais. Debe ser que forma parte do seu ser. E sempre procurando facer o menor ruído posible.
Forma parte da Asociación Antidroga Vieiro desde os seus inicios. É a vicepresidenta da Asociación e a responsable de prevención, fundamentalmente na implantación nos centros educativos do programa de habilidades sociais en primaria e secundaria, así como nas escolas de pais.
Desde sempre foi e continúa sendo unha activa colaboradora como voluntaria na intensa actividade que se desenvolve na parroquia de San Xoán Bautista de Carballo.
Na actualidade é a directora do programa “Carballo de Arriba” da Parroquia de Carballo, co que se pretende ofrecer un apoio aos adolescentes de familias desestructuradas e de nivel socioeconómico baixo, co fin de sacar adiante os seus estudios, así como introducir no mundo laboral a mozos sen ningún tipo de titulación académica nin formativa; e preténdese tamén atender a esas familias con ofertas de cursos de xestión e mellora da comunicación nos fogares.
En definitiva, Fina Rey é unha muller que marcou varias xeracións de nenos e mozos da nosa Vila, e que continúa con ganas e folgos para facer un Carballo xusto, solidario, e atractivo para vivir.


“FUNDACIÓN EDUARDO PONDAL”

No ano 1981, un colectivo constituído por representantes de diversas asociacións culturais, centros educativos e o Concello de Ponteceso promoven unha homenaxe ao Bardo Eduardo Pondal.
Con esta iniciativa, no mes de agosto dese ano, desenvolvéronse diversas actividades como conferencias, teatro, actuacións musicais a cargo de Milladoiro e Amancio Prada, un premio literario, e a inauguración dun monolito ideado polo galeguista e xa premiado polo Padroado Fogar de Bergantiños Isaac Díaz Pardo; monolito esculpido polas mans de canteiros de Ponteceso. Asimesmo creouse unha medalla de cerámica modelada en Sargadelos coa lenda “Eduardo Pondal presente na memoria do seu pobo”.
No mes de Maio de 1.992, con motivo do 75 cabodano da morte do poeta, a Asociación Cultural Monte Branco de O Couto, réndelle unha homenaxe coa edición dun vídeo e unha unidade didáctica, e tamén coa colocación dun monolito no adro da Igrexa.
En 1.995 lévase a cabo o primeiro Simposio Pondaliano. Así, ata o ano 2.006 teñen lugar unha ducia de edicións, case sempre no mes de outubro, e na Casa dos Veciños –sede da A.C. Monte Branco-. Estes Simposios reunían a numerosas persoas, maioritariamente procedentes do mundo do ensino, co apoio do Concello de Ponteceso, e da Consellería de Educación. Conferencias, presentacións de material didáctico, presentación de libros, saídas por lugares pondalianos, recitais poéticas... fixeron do Couto un referente da vida cultural do País. Xentes tan insignes como Neira Vilas, Manuel María, Manuel Rivas, Felipe Senén ou Francisco Rodríguez son unha pequena mostra do amplísimo elenco de primeiras figuras das Letras presentes nas distintas edicións do simposio.
No ano 2.000 Monte Branco proponlle ao Concello de Ponteceso a xestión ante o Arcebispado de Santiago de Compostela para a cesión da Rectoral de San Tirso de Cospindo –onde se garda a partida bautismal do poeta- para a súa conversión na sé da Fundación Eduardo Pondal.
Tras diversas xestións, acádase o obxectivo, e en 2.007 lévanse a cabo as obras de acondicionamento da Rectoral, por medio dun Obradoiro de Emprego da Consellería de Traballo, e de empresas privadas, co financiamento da Deputación Provincial, Consellería de Cultura e Concello de Ponteceso.
No mes de decembro dese mesmo ano, celébrase unha semana cultural co gallo do centenario do Himno Galego. Hai conferencias, exposicións, interpretación pública do Himno, etc.
E por fin, o 13 de decembro de 2.008, inaugúrase a sé da Fundación co descubrimento dunha placa na fachada, no que participan representantes da Deputación Provincial, da Consellería de Cultura e do Concello de Ponteceso. O Alcalde dese municipio é o primeiro Presidente da Fundación. Festéxase cunha semana cultural con conferencias, teatro, presentación de libros, obradoiros, mesas redondas,...
Ao mesmo tempo inaugúrase o roteiro pondaliano “Val nativo”. Unha ducia de menhires coa efixie do Bardo sinaliza un roteiro desde a casa natal de Ponteceso ao alto do Monte Branco, co apoio dun políptico en papel.
Así pois, o Bergantiñán do Ano 2.008 é unha entidade formalmente creada hai pouco tempo, pero que é froito dun longo proceso de vontades e ilusións de persoas, entidades e organismos que non quixeron deixar esmorecer, senón manter viva para sempre na memoria a figura do gran poeta Eduardo Pondal.


JORGE MIRA PÉREZ

Jorge Mira Pérez naceu hai 40 anos en Baio, un lugar do que nunca se desvinculou.
Alí cursou a E.X.B. no colexio Labarta Pose. O Bacharelato sería no Instituto Alfredo Brañas de Carballo.
Nesa etapa prendeu nel a vocación da Física, unha carreira que faría na Universidade de Santiago, onde se licenciou e doutorou con Premio Extraordinario.
Foron os seus inicios na investigación, nos eidos do magnetismo e a nanotecnoloxía, nos que é autor de arredor de 80 publicacións científicas en revistas de rango internacional.
Actualmente é profesor Titular de Electromagnetismo na Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela.
Á marxe da actividade docente e investigadora desenvolve un activo perfil de xestión. Así nos anos 2.006 e 2.007 foi colaborador da Secretaría General de Política Científica y Tecnológica do Ministerio de Educación y Ciencia, e dende 2.006 é o Director do Departamento de Física Aplicada da súa universidade.
Ao longo da súa traxectoria académica e científica –aínda curta pola xuventude de Jorge- xa foi galardoado con numerosos premios e distincións.
Foi finalista do Premio da Real Sociedad Española de Física ao Físico Español Joven en 1.999. En 2001 concedéuselle o Premio da Deputación de Pontevedra, na área de Ciencia e Tecnoloxía; e en 2.002 o Premio da Real Academia Galega de Ciencias.
Non remata aí o seu perfil profesional, que se completa cun activo labor de divulgación científica no mundo da comunicación:
Colaborador científico do programa da 2º cadena de TVE “¡Que Serán?” en 1.999; da Radio Galega dende 2000 ata 2007 e tamén do diario “La Voz de Galicia”. Na TVG, fixo o propio no ano 2.004 no programa “Arrampla con todo” e dende 2006 a 2008 no programa “Ciencia Nosa”, aínda que a moitos dos presentes lles soe da televisión autonómica por ser a imaxe das ciencias no programa “Cifras e Letras”.
Tamén por esta actividade mediática ten acadado un amplo recoñecemento a nivel español: no ano 2.000 obtivo a Mención de Honra do Premio “Física en Acción” da Real Sociedad Española de Física, e no seguinte a Mención de Honra do Premio “Ciutat de les Arts i les Ciencies de Valencia”, sendo escollido nas dúas ocasións para representar a España na Fase Europea da Semana Europea da Ciencia e a Tecnoloxía. No ano 2.005 foi galardoado co Premio “Ciencia en Acción” do Ministerio de Educación y Ciencia e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, sendo proposto como candidato aos Premios Descartes da Unión Europea na modalidade de Comunicación da Ciencia.
Este perfil complétao coa coordinación do Programa ConCiencia da Universidade e o Consorcio de Santiago, que é considerada unha das accións de comunicación da ciencia de máis impacto social de Galicia, ao ser desenvolvida nada máis e nada menos que por Premios Nobel, que nunca visitaron Galicia con tanta asiduidade como o están facendo agora. Por certo, se lembran os paseos galegos de Stephen Hawking o outono pasado, tamén son debidos a este programa ConCiencia, que lle concedeu o seu Premio Fonseca de comunicación da ciencia.
Pero o noso Galego do Ano é un home polifacético por antonomasia, e por iso as súas múltiples ocupacións non se reducen só ao ámbito académico e científico, senón que abranguen os máis inimaxinados campos.
Foi membro da Federación Galega de Xadrez, membro e supervisor en Galicia de tests de admisión da asociación Mensa, fundador do Xornal da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela... E aínda dispón de tempo para retornar tódalas fins de semana ao seu Baio natal, e participar en distintos movementos asociativos desa vila, onde leva 26 anos como catequista, é directivo da Agrupación Deportiva Su a Agra, foi presidente e directivo da Asociación de Veciños de Baio, e é voceiro e coordinador da “Comisión Labarta Pose para as Letras Galegas” dende a súa fundación en 1999.
Pero sen dúbida o deporte é un dos núcleos da vida do noso homenaxeado, tanto a nivel organizativo como practicante de diversas disciplinas. Participou co seu irmán na fundación dos clubes de xadrez e baloncesto de Baio, do Aberto Vila de Baio de Xadrez (o terceiro máis antigo de Galicia), e da Liga da Costa de baloncesto na segunda metade dos anos 90.
Como deportista, gañou diversas medallas en torneos da Costa da Morte en Taekwondo; é xogador de xadrez con ránking internacional desde 2.002, competindo sete tempadas na Primeira División da Liga Galega de Xadrez, co clube da súa vila; en 1.996 foi Campión Galego de Baile de Deportivo e de Salón; acadou a semifinal no I Trofeo Cidade de Santiago de Esgrima, modalidade espada en 1997; é nadador de categoría máster do Clube Deportivo Universitario de Santiago, con diferentes títulos a nivel universitario e galego; e en atletismo ten obtido diversos pódiums en carreiras pedestres. Incluso se atreve co parapente.

Etiquetas: ,


Seguir lendo...

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner