Días de fútbol e tormenta
A pasión pola Roja non coñece límites. O logro histórico dos homes de Del Bosque por chegar á final dun Mundial de fútbol está a desatar unha auténtica marea vermella que enche todos e cada un dos recunchos de España. E Carballo non ía ser menos. Xa sucedera cando o éxito da Eurocopa, no que centos de mozos e non tan mozos carballeses tomaran as rúas da capital de Bergantiños e converteran a rotonda do Haley no improvisado Catrocamiños, Cibeles ou Canaletas bergantiñán. Neste vídeo tedes unha boa mostra da celebración da magnífica victoria perante Alemaña, na que centos de bandeiras nacionais encheron bares, balcóns e coches dos nosos veciños. Se o domingo a selección é quen de acadar o campionato mundial, a festa pode ser rachada.
E para darlle unha volta de torca máis á paixón futbolística nacional, xa son moitas as voces que reclaman, mesmo a través dun grupo de facebook, a colocación dunha pantalla xigante na praza do Concello de Carballo para seguir a final, ó igual que se ten feito en moitas outras localidades españolas. Nós non lle vemos demasiadas probabilidades de éxito á solicitude, e menos tal e como andan as contas económicas ultimanente, pero aí queda a reseña.
A outra nova da que se fala hoxe nas rúas de Carballo é o tempo tormentoso que vimos de pasar estes días, e sobre todo o tremendo augaceiro que onte caía deixando anegadas moitas das nosas rúas, curiosamente unha delas precisamente a da rotonda do peixe. Os principais problemas, que requeriron mesmo intervención dos bombeiros, localizáronse na zona da Milagrosa, rúa Compostela, río Deza e sobre todo na Vila de Negreira, unha rúa recén rematada trala reforma do Plan E. Xustamente aquí, os veciños xa denunciaran dende hai tempo o mal funcionamento do alcantarillado e os malos cheiros que saían dos sumidoiros. Explica o concelleiro de obras, Lois Lamas, que todo se debe á pouca caída que ten a agua ata a zona da Milagrosa, onde están conectadas as augas. Agradécese a explicación, pero deberíaselle lembrar ó noso goberno que o seu traballo consiste en solucionar problemas, non en explicalos, nin moito menos en gastar moreas de cartos en obras para que queden bonitas e funcionen mal, obrigando a gastar máis cartos dúas veces.
7 Comments:
Vivín en Carballo fai xa moitos anos. Acordome que ibamos asar sardiñas e patacas as rozas.
As rozas eran pequenas cachelas feitas na terra pa quentarla, eso decian os labradores. ¿Sigue esa boa costumbre?
En internet non encontro entradas que fagan mención as rozas.
si algún me pode responder, quedarialle moito agradecido. Perdón por salirme de o tema. Gracias
14/7/10 13:27
Ola Porras, eu teño feito o que tí chamas rozas, e que na miña familia se chama tilla, na que tamén preparamos chourizos.
Agora non se ven facer as rozas ou tilla. E tes razón, en internet tampouco se fala do tema.
14/7/10 21:37
Moitas gracias Anónimo. Non sabía que se chamaba tamen Tilla. Un abrazo moi forte pa todos os carballeses
14/7/10 22:38
Rebuscanco de novo en internet atopei unha festa preto de Carballo na que se fala da tilla. Esta é a páxina: http://www.finisterrae.com/noitecelta/
15/7/10 08:31
Gracias Anónimo, xa vin a páxina. Qué tempos !!
Estuven en Carballo cando era neno.
Según Gogle Earth parece que está todo moy cambiado. Xa no debe estar o colegio Leus nin as monxas da milagrosa, que foi donde estudie.
E Razo tamén cambiou. Agora hay escola de Surf. Foi en Razo donde iba a asar patacas nas Tillas o Rozas. Hasta outro ratiño, Anónimo, e de novo gracias.
17/7/10 13:34
Ola Porras,
Si, todo está cambiado. En Razo hai duas escolas de Surf, e agora é unha praia que da gusto visitar.
Eu, ó contrario que outros que renegan, síntome orgulloso da miña terra. Por iso é un pracer conversar con xente que algunha vez estivo por eiquí e quere poñerse ó día.
Saúdos dende Carballo.
17/7/10 18:00
facendo mención a o fio, aproveito pra saudar e felicitar a José Ramón Torres Pichel na sua particular dedicatoria a roja carballesa: O Bergantiños Base. Moitos anos pasaron desde que nos sentabamos xuntos en Leus e xugabamos nos xardins.
Anónimo, un abrazo e perdona o meu galego. E, mais ou menos, o que se falaba na calle nos anos 60
17/7/10 19:58
Publicar un comentario
<< Home