Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, octubre 28, 2008

Perversos


Completa e interesante análise do pleno celebrado onte en Carballo o que realiza anosacosta.com. Por sorte, iniciativas coma esta vía internet ou BERTV vía ondas hertzianas, permítennos ós cidadáns coñecer con maior grao de aproximación todo canto sucede nese evento, ignorado por moitos cidadáns, pero que constitúe a mellor forma de dar transparencia e información do que os nosos representantes fan cos nosos cartos.

Nós non imos afondar nos datos, pois para iso tedes o enlace, máis si coma de costumbre reflexionar sobre algún dos aspectos máis destacados. E polo que se ve, semella que este pleno estivo particularmente marcado polas negativas do goberno a atender ningunha das propostas que veñen da oposición, feito que provocou as queixas públicas tanto de Alberto Sueiro coma de Manuel Andrade. Mesmo que se trate de ideas positivas e compartidas por todos os grupos políticas, tanto o alcalde Evencio Ferrero coma o seu fiel tenente Viña e os demais concelleiros dos seus grupos votan en contra co argumento de que as propostas da oposición xa estaban previstas e polo tanto non procede. É máis, o propio Ferrero chegou a dicir textualmente: "Pode ser perverso presentar mocións por tódalas iniciativas que están en marcha".

Claro que o comentario do alcalde permite unha dobre interpretación. ¿Presenta o PP mocións sobre temas que o BNG xa ten en marcha? ¿Ou é o BNG quen afirma ter en marcha temas que lle presenta en pleno o PP? ¿Foi antes o ovo ou a galiña? Tendo en conta que o bipartito carballés non se caracteriza precisamente pola prudencia nin pola discreción, senón máis ben ten pecado moitas veces por anunciar proxectos pouco madurados antes de tempo, as acusacións de Ferrero alimentan a dúbida sobre que pode ser o "perverso". En todo caso, dende CD aportamos o noso grao de area para resolver o dilema: que o goberno presente públicamente (por exemplo vía web) cales son os proxectos nos que está a traballar, e que o acredite documentalmente, varios días antes do pleno. E caso resolto ¿non?




Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner