Periga a construcción de vivendas en Carballo?
![](http://photos1.blogger.com/x/blogger/3777/1819/320/146294/borrmart520571031124334.jpg)
Nunha interesante reportaxe, LVDG pon enriba da mesa un delicado asunto que pode causar certos quebradoiros de cabeza en datas vindeiras, na campaña electoral, ou no próximo mandato.
Resulta que ó abeiro de toda a polémica que nos últimos meses se está suscitar en toda España, e tamén na Costa da Morte, sobre o boom inmobiliario, o prezo da vivenda, e a ocupación do litoral, a Xunta pretende aplicar un norma segundo a cal un Concello non poderá conceder licenza para máis de 500 vivendas ó ano.
Como poderedes imaxinar, Carballo supera esta cifra, ó igual que A Laracha, e por moito máis Malpica. O curioso é que esta frenética construcción de pisos, que a Xunta considera equivocada e polo tanto motivo de regulación, foi anunciada coma un éxito por parte do alcalde carballés e motivo de certa polémica coa oposición. Semella que os puntos de vista da administración local e autonómica son ben distintos, mesmo cando están gobernadas polos mesmos partidos.
Pola nosa parte, non entendemos que sentido ten que un goberno autonómico poña trabas ó crecemento dunha vila se existe demanda de pisos, pero está claro que se unha norma se aproba debe ser aplicada en todas partes, sen excepcións. Veremos qué sucede.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home