Preocupado pola ecoloxía
Pouca actividade informativa en Carballo durante esta datas, mais aló do fracaso do concurso do parking-centro comercial e os seus últimos coletazos.
O domingo a prensa local, ou mellor dito o tenente de alcalde de Evencio Ferrero, Manuel Andrade dende a mesma, sorprendíanos cunha nova e enésima "idea": a de expropiar unha serie de edificios abandoados que actuaban coma “tapóns” para o río Anllóns e para o tráfico. Entre os exemplos figuraban unha vella edificación no desvío da travesía cara a Malpica pola Ponte da Pedra, e tamén o edificio da Dulcería Vella. Tampouco nada novo, porque esta circunstancia xa se anunciara hai bastante tempo sen que se teña feito nada ó respecto. A novidade e que seica vai pedir a axuda económica da Xunta para esas expropiacións (hai que ver qué burradas se din).
Por certo, que neste último caso fálasenos de que existe a pretensión de reordear todo o entorno da igrexa incluíndo mesmo a eliminación do centro social San Xoán Bautista. Mais valería que alguén nos informase exactamente das pretensións do concelleiro de urbanismo carballés, non sexa que esteamos ante un proxecto da praza, segunda parte. Aviso para navegantes.
E falando de navegación, o que mais nos chama a atención da noticia é o renovado interese de Manuel Andrade pola presenza de construccións que “constriñen” o paso do río Anllóns pola localidade. Por unha banda porque descoñeciamos esa preocupación ecoloxista do gobernante, e por outra porque no caso do centro de Carballo falamos duns edificios nos que vive moita xente dende hai moito tempo, e antóxasenos ben difícil expropialos. Veremos en que se concreta a idea, se é que algún día se concreta.
(A este paso, haberá que crear unha Sección no blog titulada: “Outra ocurrencia de Andrade”)
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home