Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

miércoles, diciembre 20, 2006

Unha nai en apuros


Afeitos estamos a escoitar toda clase de promesas por parte de políticos e gobernantes. Moita xente ten feito acertadamente a comparanza cos reis magos ou co Papa Noel que pronto se achegarán polas nosas terras a traernos os desaxados regalos do Nadal.

Pois será por iso ou non, pero ós políticos tamén lles pasa coma a Arnold Swcharzenneger en “Un pai en apuros”, que absortos como están polo seu traballo cotián de pelear co contricante, atópanse con que chega o Nadal, e que se esqueceron de reservarlle ós seus votantes o famoso Turboman. E aí comezan os problemas. Pero claro, coma o cine é o cine, e por aquí non hai ningún “gobernator” en acción, resulta que non hai maneira de mercar o dichoso boneco, e hai que conformar ó rapaz con algún regalo menor.

Ven o símil a colación das recentes declaracións da conselleira de Política Territorial María Xosé Caride, quen anunciou que as obras da vía de alta capacidade a Fisterra licitaranse no ano que ven. É dicir, que se temos sorte, para o Nadal 2007-2008 o mesmo está adxudicado que algunha empresa comece a traballar. De rematar a obra, nin falemos. E tendo en conta o acertados e precisos que acostuman a ser os políticos cos prazos das obras, teman vostedes o que pode pasar. A ver se o próximo ano, a señora Caride se lembra de nós, e reserva o Turboman cun pouquiño máis de antelación… aínda que sexa para o ano seguinte.




 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner