Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

miércoles, noviembre 21, 2007

Áreas e cabezas


Os nosos políticos senten a necesidade periódica de dar carnaza de artigo e opinión ós medios de comunicación e cidadáns. Por iso andan continuamente rebuscando na chisteira para sacar un coello que nos dea que falar, sexa ou non sexa importante.

O tema que nos propoñen agora si que é importante, ou debería selo. O tan manido asunto das áreas metropolitanas é unha das teimas máis decepcionantes para os cidadáns, porque se trata dunha cuestión que enche páxinas e páxinas de xornais sen que ninguén chegue a vislumbrar en que consisten nin para que serven exactamente. Poderiamos dicir que o concepto metropolitano existe porque o creamos os axentes privados co noso traballo diario, sen ningunha intervención pública. E ó mesmo tempo, unha idea tan difusa é caldo de cultivo idóneo para os que saben vivir da venta de fume e da atmósfera etérea do intanxible. Moitas palabras e poucos feitos. En teoría, a creación de entes públicos que xestionen as áreas metropolitanas debería de servir para coordinar servizos e poñer de acordo ós concellos na xestion do seu territorio. Mais quitando algunas experiencias exitosas en Madrid ou Barcelona, por aquí nunca vimos aínda tal cousa.

Agora a Xunta de Galicia propón a creación dunha área metropolitana da Coruña, nada menos que dende Carballo ata Ferrol, incluindo as tres grandes cabeceiras de comarca da zona. LVDG recolle as entusiastas declaracións do alcalde ferrolano Vicente Irisarri (o mesmo que lle dixo “tururú” ó porto de Razo) e do carballés Evencio Ferrero, cuxa persoa por certo o diario amigo define como “la cabeza de una comarca que engloba a más de una docena de municipios y 63.000 habitantes” (sic). As comunicacións, o transporte público e a conexión co porto exterior son as cuestións máis repetidas entre os actores políticos da zona, aínda que non todos son igual de optimistas que as “grandes cabezas” que lideran o proxecto.

Pola nosa banda, demasiado ambiciosa nos parece unha área metropolitana de media provincia, cando non somos capaces sequera de poñer de acordo a dous concellos veciños. Porque para ter unha “gran cabeza” ou unha “grande área” hai que comezar primeiro por ter un “pequena cabeza” ou unha “pequena área”.



 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner