Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

miércoles, diciembre 12, 2007

Porque non queremos, que se non…


Terra Galega volve a dar sinais de vida. Trala saída do goberno do grupo liderado en Carballo por Manuel Andrade, a maioría vaticinaba a xubilación definitiva do veterano político carballés. Mais o “cazador” sempre resulta imprevisible e non foi así, aínda que ben é certo que a súa actividade e sobre todo a movilización da súa militancia tense reducido a niveis de mínimos.

Xa non temos as multitudinarias comidas e ceas gratuítas da pasada lexislatura, pero o comité nacional do partido “centrista” ven se reunirse na nosa cidade para planificar o seu futuro. Ademais de afirmar a súa intención de centrarse nos concellos e bisbarras e declarar que Carballo ten potencial por si mesmo se depender doutras administracións, a nova máis destacable foi a decisión de non tomar parte nas eleccións xerais do próximo mes de marzo.

Pero non pensedes que os dirixentes de Terra Galega lle teñen medo ó resultado nin dubidan das súas posibilidades. Logo de ter desbotado tamén o pacto con UPD, o partido de Rosa Díez (¿ou sería máis ben Rosa Díez a que desbotaría a TG?), son simplemente motivos económicos os que lles impiden competir con Zapatero e Rajoy pola presidencia do goberno. Como naquel chiste no que o alcalde de Padrón renunciaba a declarar a guerra ós EEUU por non ter espacio suficiente para os prisioneiros, en Terra Galega non se presentan porque non queren, que se non…




 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner