Retoques no tráfico

É ben certo que se teñen realizado algunhas melloras e realizado algunhas obras acertadas, coma as rotondas da rúa Sol ou a mellora da Vila de Negreira, pero non é menos certo que se trata de actuacións moi concretas e con efectos moi limitados. A resolución definitiva ou cando menos por moito tempo do tráfico carballés é unha asignatura que os gobernos municipais veñen suspendendo ano tras ano, sempre camuflada co enésimo plan de choque.
Nestas datas o goberno de Evencio Ferrero ven de anunciar a posta en marcha de dúas medidas relativas ó tráfico: a protección dos contenedores con bolardos para impedir que se aparque diante e se impida o acceso ó camión do lixo, e disposición de aparcamentos para bicicletas en diversos puntos da vila. Xustifica esta medida o do BNG con que cada vez desprazarse en coche é máis caro e complicado. E por suposto que temos que aplaudir as medidas, que coma sempre, gozaron de ampla difusión e boato na prensa local. Ben está que exista orde para a recollida do lixo, e ben está que aqueles que poidan nas circunstancias que poidan opten por outros medios máis sinxelos e ecolóxicos. Mais non podemos evitar sinalar que se estas son todas as medidas que o goberno local pode tomar no tema, e se a solución é ter que deixar o coche pola bicicleta, non facían falta tantas alforxas para esta viaxe. Agardamos algo máis, agardamos solucións concretas, e recordamos que a maioría dos carballeses non pode desprazarse da casa ó traballo en bicicleta, nin moito menos facer a compra, que é para o que maioritariamente se emprega o coche.
1 Comments:
Non creo que sexa para tanto.
É certo que non hai Ordenanza de tráfico, e tampouco se coñece ningún plan de tráfico de cara ó futuro.
Pero hai unha Ordenanza de Cargas e descargas e de paradas de buses. Si, xa sei que ainda non se puxeron en marcha, ninguén dixo que a vida era doada.
Hai que darlles tempo, non levan máis que cinco anos no poder.
Con outros sete anos máis xa serán capaces de facelo mesmo peor que o PP.
É lamentable, pero esto é o que votamos. Viva a Democracia!!!
29/8/08 22:10
Publicar un comentario
<< Home