Vellos problemas, novo goberno
O novo goberno da Xunta de Galicia xa ten un primeiro touro que lidiar en Carballo, e non é que non o coñeceramos de antes. Estamos a falar unha vez máis do desastre educativo do noso concello. Por unha banda tiñamos o fracaso dunha política de garderías, incapaz en 6 anos sequera de empezar a construir ningunha galescola, ou equivalente, a pesares dos incontables anuncios. Por outro lado, o conflicto derivado da distribución de rapaces entre centros educativos, cunha escola (o San Luis Romero) da que os pais fuxen coma do demo, e con outras incapaces de absorber a demanda de alumnos. En segundo plano estaba a posible ampliación ou construcción dun novo colexio Bergantiños, que quedou en auga de borrallas. E planeando sobre todo, a falta de prazas de comedor para os nenos, tan necesarias para lograr a tan comentada e nunca acadada conciliación da vida familiar e laboral.
Pois ben, a chispa saltaba esta semana cando se facían públicas as listas de admitidos para o curso próximo no colexio Fogar, o centro escollido por maior número de pais da vila. Como cabía agardar, moitos rapaces quedaron excluidos, e os pais claman ó ceo ante a expectativa de ter que levar ós seus fillos ó outro extremo de Carballo, ou de ter que recollelos ó mediodía para comer. De feito xa teñen pedido unha reunión co alcalde para trasladar as súas demandas á Xunta de Galicia, unha Xunta que leva apenas dúas semanas de rodadura e na que aínda non se nomearon moitos dos cargos encargados de xestionar este asunto, máis concretamente na área de Educación.
Porque o certo é que o período transitorio do cambio de tercio político difícilmente puido coincidir nun momento máis delicado para os intereses dos pais carballeses, e difícil será que para o curso próximo poidamos ter dunha vez por todas solucionados todos estes problemas. Agardemos que tanto Concello como Xunta fagan un esforzo extra de imaxinación e xestión, e consigan atopar o camiño de saída deste “embolao”.
Etiquetas: educación
1 Comments:
Non están nada claros os datos, pero dudo que non poidan ser públicos e salir todos de dudas; fálase de que son uns 300 os rapazes nacidos no 2006 u pouco máis de 200 as plazas ofertadas, polo que só co San Luis Romero tampouco se solucionaría moito. Durante todo o curso pasado, quen pedira información no Bergantiños sobre a matrícula para este ano, escoitaba un absurdo pero apocalíptico relato, que parece que se está a facer realidade, posible causa de que quedasen unhas poucas prazas libres en primeira solicitude e se trasaladase o problema ó Fogar e ó Artai. Isto non é normal, nin ético,... escapánseme as posibles excusas que poidan ter os responsables de turno, o que teño seguro é que nos quedan tres aniños de facturas de gardería privada, e que os responsables non perderán de durmir por estas tonterías
5/5/09 12:27
Publicar un comentario
<< Home