Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, agosto 06, 2009

Plan Xeral Oculto


Non é que cambiemos o nome ó Plan Xeral de Ordenación Municipal. É que esta semana o concelleiro delegado na materia, José Antonio Viña, facía un anuncio público para advertir ós veciños que non se vai dar información nin se vai mostrar a revisión do PXOM en elaboración, a pesares do elevado interese que está a espertar en moita xente e das moitas consultas que se fan na casa do Concello.

Afirma Viña que tan só os concelleiros e máis os técnicos poden ter acceso a el, e os compoñentes da comisión encargada teñen adquirido o "compromiso de mantelo en secreto", pola razón de que o documento presentado na Xunta hai máis dun mes aínda pode sufrir moitos cambios como resultado dos informes de moitos organismos.

Unha decisión que parece benintencionada para evitar malos entendidos ou picarescas dalgúns espabilados pero que a nós non nos parece demasiado efectiva nin xustificada. Primeiro porque confiar no "compromiso" do secreto de todos os técnicos e políticos que coñecen o documento pode resultar un pouco inocente. Segundo porque o documento non debería tardar en ter un período de informacion pública, e aínda despois deste, coma ben advirte o propio Viña, pode sufrir novos cambios, de modo que o principal argumento ten pouco percorrido. E terceiro porque suponse que estamos a falar dunha simple revisión, que non debería introducir cambios importantes con respecto ó documento anterior aprobado, ou en todo caso eses cambios han ser máis restrictivos á hora de edificar.


Se cadra o equipo de Ferrero está a pecar de exceso de celo para levar o PXOM, ou se cadra non quere airear demasiado pronto un documento que probablemente non vai ser plato de gusto para moitos cidadáns. En todo caso, se as cousas van como deberían, axiña deberíamos todos os cidadáns de poder coñecer cal vai ser o deseño futuro da nosa cidade, e onde poderemos e non poderemos construir e máis con que condicións.







 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner