Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, febrero 09, 2012

Un escudo para obrar Miragres

(Foto: BNG)

Xa sabiamos hai tempo que Miragres Lantes era a única novidade de certa relevancia no equipo de goberno que Evencio Ferrero preparou para esta lexislatura. A xa veterana política carballesa deixara o cargo de concelleira para ocupar o de delegada provincial de Cultura, e a victoria de Feijoo provocou o seu lóxico regreso á area local, converténdose na principal “fichaxe” de Ferrero para as municipais. E o certo é que no tocante ó papel de Lantes circulan dúas hipóteses: a da maioría que a ve como o “delfín” para suceder ó actual alcalde nacionalista; e da minoría que pensa que existen rivalidades entre ambos.

Pero o que se cadra non agardabamos nós era que Lantes pasase a converterse no escudo encargado de protexer a Ferrero de todos cantos marróns ameazan con salpicalo. Un papel, todo sea dito, que antes parecía exercer con resignación cristiá José Antonio Viña, sempre presto a poñer a cara nas situacións difíciles, pero que agora, cun goberno en solitario e un Viña declarado en rebeldía, precisaba atopar intérprete con urxencia. No que levamos de mandato xa foi dona Miragres a que tivo que poñer cara de circunstancias para explicar o fracaso do concurso dos postos do mercado, e hai un par de días víase na obriga de explicar o inexplicable: que a Xunta ven de informar negativamente outra vez o PXOM, e non porque nos collera manía, senón porque o Concello, no canto de reformar o documento segundo se lle indicara, volveu remitir o mesmo, tal e como o propio goberno recoñeceu. Vamos, que aquí todo o mundo se adica a copiar e pegar do archivo anterior. Pasamos de contar novamente a bochornosa historia do Plan de Urbanismo, e moito máis de dar a nosa opinión, porque ¿para qué?

Pero o máis curioso é que a concelleira do BNG non solamente se ve na tesitura de dar a cara, senón que semella decidida a asumir o custe político de sacar as tesoiras e aplicar os recortes requeridos ó solo urbanizable do Concello. Vamos, de facer o que todos sabiamos que había que facer, pero que o alcalde non parecía atreverse a facer. Algo do que, ata o de agora, ningún dos seus antecesores se atrevera sequera a falar e que agora todo o mundo semella aceptar (desconcertante o editorial do BOE neste sentido, tarde piache). Todo sexa por protexer das iras cidadás ó verdadeiro responsable de todo, un Evencio Ferrero que só parece existir cando se trata de sorrir e posar ante as cámaras en situacións favorables. Unha estratexia que pon en dúbida as dúas hipótesis que antes explicabamos. Porque se Lantes vai cargar co peso de todos os problemas (e sobre todo co PXOM), a súa imaxe como posible candidata, sexa por un camiño ou polo outro, vai quedar seriamente danada para afrontar ese reto. Máis ben a nós parécenos que o papel de dona Milagres ven a confirmar que o liderazgo de Evencio é incuestionable e non ten prazo, que o mantemento da súa imaxe pública está por enriba do ben e do mal, e que para iso o resto do equipo está disposto a inmolarse sen rechistar. O día de mañá, Deus dirá.

P.D.: Para aqueles interesados na “Bloqueoloxía”, que ultimamente está tan de moda, aclarar que tanto Ferrero como Lantes son da UPG.


Etiquetas: ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner