Tu me ehtah ehtresaaaando
Ano novo, desastres vellos. Arrincamos o 2008 en Carballo coa incredulidade polos fallos inexplicables que se producen nalgúns servizos públicos, repetidos pero amplificados coa resaca da noitevella.
Primeiro foi a caos que literalmente se viviu no centro de saúde da nosa cidade. No medio de debates sobre ampliacións de instalacións, segundas unidades e antigas e esquecidas promesas de hospitais comarcais, resulta que nas dependencias que si temos dende hai anos non hai quen poida coller un simple teléfono de atención ao público. Os responsables do centro excusaron o desastre nun fallo técnico das liñas, aínda que algúns usuarios aseguraban que outros teléfonos si funcionaban pero desbotaban atender as chamadas. Hoxe, a prensa local explícanos que as carencias de servizo tamén se dan noutros hospitais da zona e que se deben ó aumento de consultas con respecto ó normal por estas datas. ¿Aceptamos barco coma animal acuático?
No caso do campo de fútbol das Eiroas, chove sobre mollado. Xa hai uns meses trataramos da polémica provocada por que as obras de mellora do campo comezasen en plena temporada no canto de facelo no verán, cando non se disputan competicións oficiais. E agora resulta que, logo de levar 3 meses peregrinando por outros campos da comarca, o Bergantiños, un dos clubes senlleiros da historia do fútbol galego (ese fútbol galego que agora tanto se utiliza e se menta para competicións internacionais), vai ter que aprazar un partido "porque no tenemos campo", como explica o seu presidente. Ó parecer, a obra está rematada dende o 22 de decembro, pero non está homologado pola falta das firmas dalgunhas persoas, que supoñemos que terán desfrutado cumpridamente destas festas de Nadal, ou se cadra estaban demasiado ocupadas co “Galiza-Camerún”. Di José Cotelo que o Bergantiños “no merece esto”. Non podemos estar máis dacordo.
Dous casos puntuais pero graves que ben merecen a atención e solución das autoridades competentes, porque nos deixan a todos a sensación de que vivimos nunha república bananeira con responsables que, afeitos como están xa á boa vida, non queren ehtresaaaaaarse.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home