Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, marzo 13, 2009

Calma total



Despois da tempestade sempre ven a calma. Referímonos á situación política nas nosas comarcas. Logo da tormenta electoral e da voráxine de declaracións, promesas e cruces de acusacións, os nosos políticos semellan terse tomado unhas vacacións. Moitas polémicas quedaron solventadas ou en "stand-by" polo cambio de goberno, como sucedeu coa Plataforma da Lagoa ou cos prezos no polígono de Bértoa, mentres que outras teñen perdido fuelle logo do furor do 1 de marzo.

Mais sería de ilusos pensar que esta vai a ser a tónica habitual durante moito tempo. Mais ben sospeitamos que esta aparente calma é en realidade a do ollo do furacán e que tan pronto como o novo goberno da Xunta tome posesión os ventos da política van volver soprar con forza. De feito nalgúns concellos o fracaso do proxecto bipartito está facendo peligrar acordos a nivel local, dado que moitos socialistas pensan que o matrimonio co BNG foi a principal causa da perda de apoios. Así, en Noia vai haber cambio no poder, e na Coruña proliferan os críticos. Sen embargo, dende a dirección do PSOE tense ratificado a vixencia dos pactos locais, e polo que a Carballo se refire, a liña seguida por Viña durante estes anos non debería preocupar en absoluto a Ferrero. E se ao PSOE local tampouco lle preocupa (?), todos contentos.

Por outra banda, nada se sabe aínda dos novos nomes do próximo goberno. Aínda que algúns confidenciais coma o de Galicia Diario apuntan a que Feijoo xa ten confeccionado o seu equipo, polo de agora só sabemos que Alberto Sueiro vai seguir sendo deputado e que previsiblemente Miragres Lantes cesará como delegada de Cultura. Abofé que a partir do 1 de abril, e mesmo antes, ha rematar esta calma.



Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner