Carballeses no “candelabro”
As últimas horas déixannos varias novidades no que a nomeamentos de veciños nosos se refire. Por unha banda, o novo goberno da Xunta de Galicia incorpora ó carballés culpable da Igrexa Parroquial e da Casa Consistorial de Carballo (amén doutras obras detestables, como algún edificio especialmente horroroso da Praza de Galicia). José Manuel Rey Pichel, nacido na capital de Bergantiños en 1942, ven de ser nomeado Director Xeral de Patrimonio Cultural. Este arquitecto de longo currículum que cursou estudos en Madrid e que exercía coma profesor na Universidade da Coruña, xa ocupou postos de responsabilidade tanto na administración central coma na autonómica. De feito traballara no Instituto Galego de Vivenda e Solo durante o anterior goberno popular ata o ano 2005, data na que se incorporou á Empresa Municipal de Vivenda e Solo do Concello de Santiago. Polo tanto, veteranía carballesa para unha das direccións xerais da nova superconsellería de obras públicas, medio ambiente e territorio.
E pola outra banda, un nomeamento que non ven do lado do goberno senón da oposición. Porque a xoven carballesa María Torres Pose foi esta fin de semana proclamada nada menos que a nova presidenta das Xuventudes Socialistas de Galicia, nun acto protagonizado polo novo líder do PSOE Pachi Vázquez, do que todos os medios destacaron a defensa que os rapaces socialistas fixeron de Galicia “como nación”. María ten 25 anos, é licenciada en Dereito e xa ocupara un papel relevante nas pasadas eleccións autonómicas (número 10 da lista do PSdeG-PSOE pola provincia da Coruña). Este é o seu blog, últimamente un pouco abandonado.
Noraboa ós dous e moito sorte nesta etapa que para eles comeza.
Etiquetas: política local
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home