Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, mayo 14, 2009

“Mercado VIII”: Jason chega a Carballo


Si, sabemos que esta película xa a vistes. Moitas veces. E que hai tempo que cansa. Que xa sabedes como vai empezar, como vai continuar, e como vai rematar. E tamén que sospeitades que Jason ha sobrevivir e que haberá unha novena entrega. Pero sen embargo, sexa por friquismo, por masoquismo, por curiosidade, ou X, o certo é que as sagas de Venres 13, como as de Pesadilla en Elm Street, Tiburón, ou tantas outras, sempre teñen o seu público, e se cadra nós formamos parte del.

E polo que se ve, os sempre críticos xornalistas da Voz de los Ricos e Poderosos tamén. Por iso levan unha temporada facendo un esforzo especial na defensa dos que ostentan o poder en Carballo, e por iso hoxe voltan unha vez máis, inasequibles ó desalento, a promocionar a enésima entrega do proxecto máis longo, máis fracasado e máis capitidisminuido do goberno bipartito da nosa cidade.

Para resumirvos, que se ten completado un trámite máis no enésimo intento de reformar o mercado, desta volta xa sen aparcamento soterrado e sen reforma integral do edificio. Veñen de recibirse once ofertas de outros tantos arquitectos para preparar o proxecto, cousa pouco sorprendente tendo en conta o desesperado que anda todo o mundo nos tempos que corren. As condicións que se lles poñen consisten en manter a zona de carga e descarga no sótano, en colocar ós actuais placeiros na planta baixa, e en deixar en principio libre a primeira.

Motivados por este proxecto os dous líderes do noso gobeno, Evencio Ferrero e José Antonio Viña, veñen de visitar o mercado das Conchitas da Coruña, coa casualidade de que por alí pasaba un xornalista para dar fe. Neste tradicional mercado de abastos coruñés os placeiros foron aloxados temporalmente no sótano mentres se reformaban as plantas superiores, modelo que se podería seguir en Carballo. Esta visita supón unha nova constatación das rebaixas na saga “Mercado”, porque lembremos que ata o de agora a referencia era o mercado de Lugo e as instalacións provisionais supermodernas no exterior. Xa que Jason está cada vez máis vello e máis débil, ¿poderá morrer por fin desta vez?



Etiquetas: , , ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner