Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, agosto 20, 2009

Anuario La Caixa 2009: así somos en Carballo



La Caixa de Cataluña ven de publicar a edición 2009 do seu anuario, no que recolle un completo listado de datos e indicadores económicos de todos os concellos de España. Ó igual que sucede co Atlas Económico de Caixanova (do que xa temos falado en CD) trátase dun documento moi interesante tanto para comparar ó noso concello con outros do seu entorno ou dimensións, como para coñecer a súa evolución.

Onte La Voz de los Ricos y Poderosos subliñaba solamente un dato dos moitos que ofrece este anuario: o número de bares que hai en Carballo, que ascende nada menos que a 298. Pero coma xa se sabe que nós non somos un medio serio e profesional, senón un modesto blog con tendencia á frivolidade e a fixarnos nos pequenos detalles, imos facer un resumo un pouco máis extenso en relación ó resto de concellos da provincia da Coruña:

- Somos o 6 concello en poboación, superado polas 3 cidades, Narón e Oleiros, e seguidos de cerca po Ribeira, Culleredo, Arteixo e Ames. Estes 3 últimos medran moitísimo máis rápido ca nós, e axiña nos han superar e relegar a un noveno posto na provincia.
- Somos o oitavo concello que máis inmigrantes acolleu nos últimos anos.
- Somos o segundo concello con máis taxa de paro, un 7,9 %, superado sólo por Camariñas. A taxa máis baixa deuse no ano 99 cun 5,8%.
- Ocupamos o quinto posto en cuota de mercado, superados polas 3 cidades e Narón. Esta cuota, de nivel 64, baixou dende o máximo de 67 que acadou entre o 98 e o 2001.
- Sorprendentemente o número de teléfonos fixos baixou nos últimos anos.
- Non así o número de vehículos de motor, onde somos os quintos por baixo de Narón e seguidos de cerca por Oleiros.
- Somos os sétimos en número de oficinas bancarias.
- O noso indicador de actividade industrial sumado ó da construcción é o terceiro da provincia, por enriba de Ferrol e seguidos de cerca por Arteixo. Pero dun indicador de 745, 450 corresponde ó sector da construcción en concreto, e o crecemento das actividades propiamente industrias, cun 5,3%, está moi por debaixo de moitos concellos da provincia.
- As actividades comerciais maioristas ocupan o oitavo lugar da provincia, mentres que as minoristas ocupan o cuarto, sólo superadas polas 3 cidades. Éstas últimas levan 3 anos estancadas logo de crecer moito dende o 96.
- Dende a aparición do Haley ocupamos o quinto lugar en superficie de centros comerciais.

Pois esta é unha fotografía do que di o anuario de La Caixa. Nada que non souberamos antes: que temos un concello que depende fundamentalmente da construcción e do pequeno comercio, que nos falta industria diversificada, que compramos moitos coches, que medramos pero que outros do noso tamaño medran moito máis, que temos moitísimo paro, e que a actividade económica leva xa varios anos de desaceleración, mesmo antes da crise económica. Para outra vez habemos ser máis rigurosos e tomar nota do número de estancos, ultramarinos e pubs.
(Toda esta información está en internet, na páxina de La Caixa)

2 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Totalmente dacordo, sodes un modesto blog con tendencia á frivolidade.

24/8/09 21:35

 
Anonymous Anónimo said...

En Carballo o único que se sabe facer é comprar coches e abrir os malitos bares

26/8/09 13:23

 

Publicar un comentario

<< Home

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner