Pactos encubertos e política ficción
Finalmente o pleno do Concello de Carballo non poderá constituirse esta semana e terá que agardar ó mes de xullo. A razón, xa adiantada nas últimas datas, é o recurso presentado polo PSOE contra a votación nunha das mesas. Semella que o resultado que deixou ós socialistas cun só concelleiro no salón de plenos, o peor resultado da súa historia, está a ter unha difícil dixestión. E logo de que a Xunta Electoral rexeitara as súas reclamacións, e mesmo lles anulara 3 votos que tiñan como válidos, o equipo de Viña vai recurrir ós tribunais porque di que nunha mesa electoral houbo tan só un vocal durante parte do día. A solicitude consiste en pedir a repetición das votacións nesa mesa en concreto, de tal maneira que os veciños censados nela terían que volver a votar de novo, pero coa novidade de que xa coñecerían o resultado de todas as outras mesas. Pensan no PP que isto sería un fraude, porque dese xeito votantes do BNG, sabedores da situación a posteriori, poderían votar ó PSOE para así darlle un concelleiro máis en detrimento dos populares. En todo caso a Xunta Electoral xa resolviu que non había xustificación para adoptar unha decisión de tal calibre. Veremos qué pasa.
Pero o noso post de hoxe vai noutra dirección. A verdade é que na mesma noite electoral todos dabamos por feito que a vindeira sería unha lexislatura cómoda, no aspecto da estabilidade, para un BNG en solitario pero a un só concelleiro da maioría, apoiado alternativamente nos distintos grupos e fundamentalmente no PSOE. Pero se algo caracteriza a Manuel Andrade está claro que é a insistencia. E por iso o líder de TEGA, lonxe de darse por vencido como moitos levan anos aventurando, segue na teima de tentar un pacto de tres que desbancaría a Evencio da alcaldía. Pacto que, por outra parte, xa se podería ter feito hai 4 anos, aínda que agora Viña introduza a variante de non entrar no goberno. Pero como Viña tampouco admite o pacto cos outros grupos, e Sueiro xa anunciara a intención de deixar gobernar ó máis votado, queda claro que, en palabras do socialista, estamos a falar de “política ficción”.
O que xa non nos parece tanta política ficción, e de feito cremos que entra dentro do probable, é que a situación de Viña fóra do goberno sexa máis unha cuestión estética de táctica electoral que efectiva. E así son moitos os que están a falar dun “pacto encuberto”, no cal, pese a estar formalmente na oposición, o voto de Viña serviría para sacar adiante as políticas do goberno formal do BNG. A sesión de investidura, na que cada concelleiro debe votar a un candidato a alcalde, hanos dar unha pista de ata que punto pode ser así.
Etiquetas: pactos, política local
1 Comments:
imos máis aló, logo
s renuncia de Viña a sua acta de Concelleiro, daríalle paso a Pedro Luis Fdez.
pois este avogado comparte despacho co nº 2 do Partido Popular, Miguel Ferreiro, co cal a faena xa está liada, uns millonciños por aqui, outros por alí, e Sueiro de alcalde
que si home que si, que se vos fai a boca auga aos de Carballo Dixital
como vos gostaría ehhhhhhhhhh
10/6/11 18:32
Publicar un comentario
<< Home