Atrancos
Recibimos unha nota de prensa emitida polo Grupo Parlamentario Popular de Galicia, motivada pola intervención da conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, en resposta a unha pregunta do deputado autonómico do PPdeG Alberto Sueiro.
O grupo popular di que se confirma o retraso da vía de alta capacidade Carballo-Cee, que a consellería evita comprometer prazos e orzamentos, e que a paralización dos trámites “obedece á política revisionista do bipartito, que se traducirá nun retraso mínimo de 2 anos para esa infraestructura”. Os populares encadran os retrasos do corredor a Cee dentro “do castigo que o bipartito está a impoñer á Costa da Morte”, que exemplifican en decisións como “privar a Cee da rede de gas e da Delegación de Facenda, a paralización da piscifactoría prevista por Pescanova en CaboTouriñán, a anulación do centro de repoboación de especies mariñas que se ía construír en Muxía ou a paralización dos trámites encamiñados a dotar a esa mesma localidade dun Parador de Turismo”.
Profundizando no texto, o PP afirma que, ante as preguntas de Sueiro polo retraso da entrada en funcionamento da vía, a conselleira limitouse a censurar a política do anterior executivo, ó que o deputado carballés contestou que “o anterior Executivo galego do PPdeG deixou listos todos os trámites relacionados con esta vía de alta capacidade, de xeito que o novo Goberno xa podería ter licitado o proxecto no pasado mes de setembro, para que a nova infraestrutura entrase en servizo a finais de 2008”.
O único grupo de oposición critica que aínda están por aclarar as datas de inicio e remate das obras, e que, deste xeito, a construcción da VAC non rematará antes do ano 2011. Para rematar recóllense algunhas das palabras da intervención de Sueiro, na que afirmou que “á marea negra do Prestige que afectou á comarca, sucédea agora a Marea Vermella do Goberno bipartito”, ou que “na Costa da Morte estamos fartos das promesas, e os feitos cada día son mais desalentadores. En soio nove meses foron capaces de incumplir todas as ofertas dos seus discursos de oposición de 15 anos”.
Pois dito queda, e a ver se os outros grupos políticos do espectro galego e local se animan a enviarnos tamén os seus comunicados.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home