Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, noviembre 29, 2007

¿Cando queiramos?


Xa temos as primeiras impresións da presentación do proxecto de Mercasa para a praza do Concello. E temos que dicir a priori son boas, aínda contando co "almíbar" co que medios como La Voz aderezan tódalas informacións relativas ó goberno bipartito de esquerdas carballés.

Un aparcamento para 450 prazas en 2 sótanos (que costaría uns 6 millóns de euros), dotación de servicios, unha planta baixa principal adicada a productos perecedoiros, unha segunda adicada a outros productos (presumiblemente un súper), 3 accesos, e unha nova distribución máis ampla e funcional son as notas destacadas que coñecemos polo de agora, sumando un coste para o edificio duns 4 millóns de euros. Ademais expuxéronse os datos do estudio de viabilidade económica, que destacaron a Carballo como cabeceira dunha comarca cun mercado potencial de 95.000 persoas e 85 millóns de euros.

Ata aquí todo moi ben, aínda que faltan moitos detalles importantes por precisar. Dende as dimensións e forma definitiva do edificio á presenza de posibles "novos operadores", como suxiren os técnicos encargados, pasando polo carácter gratuíto ou de pago do subterráneo e o destino dos aparcamentos que existen en superficie. E sobre todo, a gran cuestión: ¿cánto vai costar e quén vai pagar? Sen respostas a estas preguntas, todo o anterior non son máis ca papeis e declaracións de intencións. A este respecto, semella que o punto máis crucial de todo o proxecto está totalmente no aire. Por unha banda parece ser que se suxire a posibilidade de que os placeiros teñan que contribuir económicamente co seu propio bolsillo (o que é xusto, pero representa un atranco importante, moito nos tememos). Por outra, o alcalde di ter un compromiso da Dirección Xeral de Comercio, pero só para colaborar coa construcción do edificio. A MERCASA ven de encargárselle un estudio de financiación, e Andrade retoma a súa idea anterior de concesionario privado. É dicir, que polo de agora, rien de rien.

Como nota curiosa, sabemos que ante a pregunta de "¿para cándo?" dalgún dos asistentes, o responsable de mercados minoristas de Mercasa respostou "para cuando ustedes quieran”. ¿Seguro?


 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner