Don’t worry, be happy
¿Que ten vostede problemas de saúde? ¿Que o seu fillo cativo está con febre? ¿Que precisa de atención médica urxente? Non se preocupe, cante e sexa feliz. Esa semella ser a receita que nos dan dende a Xunta de Galicia.
Malia que os problemas de días pasados non só non remitiron senón que teñen ido a máis, hoxe lemos unha interesante entrevista coa xerente da área de atención primaria da área sanitaria da Coruña, ideal para tirarse dos pelos ata quedar calvo. Entre outros comentarios, cheos de “autocrítica” e “compresión” para cos sufridos contribuíntes, dona María Jesús Cerecedo afirma:
“a saturación non é tan alarmante como se di”, “O principal é que non temos médicos para substituír as vacantes, aínda que a situación está mellorando. En Carballo xa só hai 5 ausencias de 17 prazas. Tres delas son de carácter laboral”, “Non existe ningún estudo que indique que os profesionais deste sector teñen máis baixas que noutras profesións. O que resulta curioso é que collan a baixa xusto cando lles toca cubrir as ausencias, como ocorreu nestes casos”, “Eu fun médico substituto e aquilo si que era precariedade laboral”, “En canto ás retribucións no último ano e medio mellorouse moito”, “Está claro que non se pode ir todo o mundo xunto no mes de agosto e de feito xa non se vai. Tentamos que a xente se organice cos compañeiros para manter o servizo que se lle dá ao cidadán”, “A cousa non é nin moito menos para tanto (no centro de saúde de Carballo). O nivel organizativo é moi importante e estamos traballando para adiantarnos a falta de persoal para que, cando os médicos non vaian estar, se volva a citar á xente automaticamente sen que teña volver a pasar por ventaíña”, “Non. Iso non é así (que haxa dificultades para presentar queixas). En todos os centros hai follas para facer suxestións e pódolle asegurar que me chegan directamente a min. En Carballo está Antonio Bello que é o xefe do servizo. A xente transmítelle as súas queixas e el comunícanolas a nós. Así que non é verdade que exista despersonalización.”, “agora estamos traballando cos profesionais que facían falta hai unha década porque as previsións da xente que gobernaba fallaron”.
Resumindo, que os centos de carballeses que levan semanas padecendo unha situación terceiromundista, ou ben minten, ou quéixanse de vicio, ou a febre lles provoca delirios que lles altera a percepción da realidade. Segundo a señora Cerecedo o seu departamento está a facer todo de rechupete, e se algo falla é soamente culpa da “xente que gobernaba”. Don’t worry, be happy.
Etiquetas: Ambulatorio Saúde
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home