Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, febrero 21, 2008

Pimpinela na Costa da Morte



Non temos remedio. Éche sempre a mesma historia. De cada vez que sae á palestra unha idea para reunir forzas e traballar conjuntamente en prol da consecución de obxectivos comúns, os habitantes deste recuncho da península ibérica amañámonos para acabar pelexando por motivos nimios, atopamos intereses partidistas, indivuais ou persoais que acaban por impoñerse ós colectivos, e todo queda en auga de borrallas.

A semana pasada era o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, quen en A Nosa Costa proclamaba a súa oposición á asociación supracomarcal Neria e abogaba pola súa desaparición. As razóns que aducía era que se trataba dun organismo inoperante e que non colaboraba coa Xunta de Galicia, co exemplo de Fitur (onde tivo un “stand” independente da Consellería de Turismo) como botón de mostra. Seguramente moitos poderemos estar de acordo en que a labor desenvolvida por Neria nestes anos é manifestamente mellorable, pero en todo caso ese será un problema a solventar entre os seus socios e os seus dirixentes, e non ten por qué invalidar a razón de existir da organización. E moito menos se quen pretende a súa eliminación, o Sr. Aymerich, unicamente o fai porque ve a un competidor a suprimir para que todo o “mercado” estea copado polo seu goberno. Todo un exemplo de colaboración e respeto á pluralidade.

Por outra banda onte saltaba a noticia de que o flamantemente anunciado “Pacto polo emprego” das nosas comarcas, que pretendía incluir a todos os concellos e servir de motor para a creación de postos de traballo, vai nacer coa negativa de Laxe, Dumbría, Vimianzo e Cee, mentres que outros posibles membros aínda están no aire. Os motivos son diversos e non todos ben coñecidos, pero semella que nalgúns casos a decisión ten moito que ver con que a sede deste “pacto” estea en Carballo, concello que outros consideran como pouco apropiado tendo en conta que se sitúa nun extremo da Costa da Morte, e mesmo hai quen di que non pertence a ela.

Así que xa ven. Unha cousa é predicar e outra dar trigo, igual que unha cousa e falar de solidaridade, diálogo e colaboración, e outra ben distinta son os intereses particulares, os localismos e os egoísmos. Coma Pimpinela, na Costa da Morte vivimos permanentemente enfrontados, e así nos vai.



 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner