Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

miércoles, febrero 06, 2008

Drogas en Carballo, a ameaza oculta



Chamamos hoxe a atención sobre un deses problemas crónicos que só afloran ós debates e á actualidade grazas ó traballo incansable de asociacións coma Vieiro. O drama das drogas foi durante os anos 80, cando a heroína golpeaba ás nosas familias, un dos asuntos principais dos medios de comunicación. Sen embargo, o paso dos anos semella ter significado unha especie de aceptación ou de soterramento dunha ameaza, que por moi oculta que estea, segue a poñer en perigo o futuro dos nosos fillos.

En efecto, o declive do “cabalo” e o auxe de novas sustancias coma a cocaína ou as drogas sintéticas teñen significado un cambio na forma de percibir o consumo de estupefacientes. Trátase de drogas con efectos menos visibles a curto prazo, e que por iso pasan desapercibidas mesmo para a xente que convive co consumidor. Probablemente, aí radica o seu gran perigo, porque tódolos especialistas coinciden en que o paso do tempo consumindo esta clase de sustancias ocasiona danos terribles e irremediables no drogadicto. E, se cadra, non se notan ata que xa é tarde.

Un recente estudo de Vieiro conclúe que preto do 90% dos mozos da comarca saen a fin de semana co obxectivo de consumir diferentes tipos de drogas. A grande maioría desta porcentaxe está formada polo consumo de alcohol, que non por estar socialmente aceptado debe ser esquecido coma droga e potencial perigo no caso de abuso. Mais tamén aumentan alarmantemente o consumo de marihuana, haxis e cocaína. O falso mito, alimentado por algúns artistas e medios de comunicación, de que os “porros” resultan inocuos e os invisibles efectos da “coca” constitúen hoxe unha ameaza, oculta pero tristemente moi real, que dende CD queremos destacar. Ó seu lado, as polémicas polas piscifactorías ou os parkings soterrados vólvense xogos case vanais. E cómo non, debemos lembrar a gobernantes, forzas de seguridad e cidadáns en xeral, que o primeiro é o primeiro, e coa saúde dos nosos rapaces non se pode xogar.




Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner