Céspedes
Quén nolo ía dicir. De debatir de parking soterrados, portos deportivos, campos de golf, hospitais comarcais e toda sorte de grandes proxectos inexistentes e incomezados, no pleno municipal de Carballo tense pasado a discutir bizantinamente sobre… tipos de céspede.
Por unha banda xa a semana pasada o PP denunciaba que as obras de arranxo do tapete do campo das Eiroas, vendidas coma o último grito de Sillicon Valley e que tanto teñen dado que falar, non eran nin moito menos as mellores de mercado. De feito os populares denunciaban que o campo seguía a presentar problemas de drenaxe e que tamén no campo de Berdillo existían problemas deste tipo. A resposta do alcalde e anterior responsable de deportes foi que “os usuarios din que agora está mellor”. Toda unha solución.
E polo outro, a concelleira de Terra Galega Sisa Méndez, que non perde ocasión de deixar ben clara a súa condición de arquitecta, presentouse coma experta en obras de campos de fútbol e criticou abertamente a elección do tipo de céspede para o campo anexo ás Eiroas. Segundo a centrista, que mesmo chegou a sacar un trozo de material no salón de plenos, sería preferible unha maior altura de fibra, e considerou que existían mellores e máis baratas solucións.
A cousa tomou tintes surrealistas cando o concelleiro de deportes deu lectura ó informe do arquitecto autor do proxecto, que afirmaba que o tipo de material escollido era “o sistema do futuro” e que ademais o tamaño do céspede non influía na calidade. Vamos, que se aquí se trata de escoitar ós técnicos, haberá que buscar a un terceiro, ou terán primeiro que poñerse de acordo entre eles. A cousa acabou co asunto sobre da mesa e coa invitación do alcalde a que Sisa Méndez participase na decisión do tipo de herba artificial para o campo das Eiroas.
Total, que falando de céspedes, e coma moito nos tememos que, con tanto experto, a cousa teña que acabar decidida por un comité de sabios deses que tanto se reúnen en Bruselas, nós lembrámonos do noso amigo Pancho cantándolle a esta vida loca, loca, loca, con su loca realidad.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home