Indefensos
Así é como se sinten moitos pais carballeses que teñen ós seus fillos en idade escolar e que están a sufrir os desastres organizativos das administracións públicas. A Consellería de Educación tense convertido no centro das preocupacións e das iras de moitos cidadáns que contemplan atónitos como os problemas de cursos anteriores non se arranxan e como cada ano aparecen outros novos que lles quitan o sono e alteran a formación dos rapaces.
Non é que esteamos a denunciar nada que non contaramos antes no noso blog, pero esta semana ven de aparecer outro caso novo en Razo, onde os buses deixaron de parar en determinadas datas; e por outra parte esta mesma semana enterámonos doutro dato certamente preocupante.
Como ben era de agardar, os mesmos artigos de prensa que relataban os diversos problemas educativos no noso concello encargábanse de deixar clariño que as competencias na materia eran da Xunta e non do goberno municipal, pero que, a pesar diso, o noso benquerido e sempre anticipado alcalde xa tiña cita preparada para cantarlle as corenta á conselleira de turno no que a Carballo se refería.
Pois ben, tivo que celebrarse o pleno do pasado luns para descubrir que Evencio Ferrero non foi quen sequera de falar coa conselleira, e tivo que conformarse con "responsables" de Educación, cuxa identidade e cargo descoñecemos. Nun concello onde a xestión educativa é caótica, e onde o seu alcalde, ó longo dun período de semanas, non consigue dirixirse á máxima responsable na materia, a palabra é esta: indefensión.
Etiquetas: educación
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home