Dimitida por inocente
A intensa polémica vivida durante os últimos meses en torno aos gastos telefónicos da concelleira Lourdes Rey ven de ser resolta de xeito sorprendente. Tras as insistentes acusacións do PP e as igualmente insistentes declaracións de inocencia de Rey, e cando aínda non se teñen feito públicas as tan discutidas facturas, a concelleira nacionalista acaba de presentar a súa demisión, que lle foi aceptada por Evencio Ferrero.
Ata aquí podería entenderse a situación, pois evidentemente trataríase da asunción da responsabilidade política dun erro, unha decisión que, unha vez tomada, merece o aplauso dunha sociedade pouco afeita a ver ós seus representantes comportarse así. Mais neste concello noso as cousas tenden a non ser como parecen, e o surrealismo tende a ocupar unha parte da realidade. E así, Lourdes Rey non dimite por asumir a súa culpabilidade. Moi ao contrario reafirma a súa inocencia, e afirma que a súa marcha se debe ao moito que se lle están a afectar persoalmente os inxustos ataques recibidos dende a oposición municipal, polos que outravolta advirte da posibilidade de emprender accións legais. É dicir, que dimite... por ser inocente.
Por suposto que os populares xa teñen respostado calificando de "pueril" e "victimista" o comportamento de Rey, recordando que aínda non se deron explicacins por parte de Evencio e reclamando de novo que se amosen as facturas. Nós vemos outro aspecto sorprendente na noticia: prodúcese 3 semanas despois dunhas eleccións, cando a lóxica política di que este tipo de decisións deben tomarse antes para causar un efecto positivo de cambio no electorado. Se cadra o seu partido non contaba cun resultado electoral tan negativo en Carballo, e alguén tiña que pagar por elo. Coma habitualmente, a corda racha polo punto máis feble.
Etiquetas: Lourdes Rey, telefonía Concello, Teléfonos móviles
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home