Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, octubre 16, 2009

Confusións reincidentes


Unha das críticas máis frecuentes que se realizan ós partidos políticos é a de confundir partido con goberno coma se da mesma cousa se tratase. Esto é, que cando un político chega ó poder, non actúa coma representante de todos os cidadáns, con todas as cargas, responsabilidades e formas que iso implica, senón coma lider do seu partido, con todos os sectarismos, desprezos e unilateralidade que os vicios do mando tenden a destapar.

E de nada serven os bos propósitos que sempre acompañan a toma de posesión coa tan manida que case desgastada expresión de “vou gobernar para todos”. Co tempo, os máis convencidos servidores do pobo acaban por comportarse co despotismo propio dun lider partidario que emprega o exercicio do goberno para promocionar o seu partido, sen considerar que o goberno atinxe a todos os cidadáns.

Coma mostra as recentes visitas políticas á capital de Bergantiños. E como mostra tamén os diferentes criterios que se teñen dende o goberno ou dende a oposición. Era una costume habitual do PP en anteriores gobernos xunteiros a de congregar a diferentes persoeiros do partido político en toda clase de actos oficiais nos que non ninguén lles daba vela por razón de cargo. Así, presidentes provinciais, alcaldes ou deputados do PP asistían a inauguracións e visitas institucionais sen maior motivación ca de facer proselitismo da súa causa. Aspecto que rapidamente era criticado con vehemencia, e con razón, polo BNG e polos Evencio boys carballeses… ata que as tornas cambiaron e sobre todo agora que, perdida a Xunta, Carballo se ten convertido nun bastión nacionalista.

A semana pasada era un dos líderes do Bloque, Guillerme Vázquez, que non ten cargo de representación pública ningún, o que pasaba un día na nosa vila e visitaba as obras do Fórum (outrora Casa dos Oficios) en compañía de toda a comitiva municipal. E onte, acompañando ó vicepresidente nacionalista da Deputación, aparecían facendo o propio unha larga lista de persoeiros coma Milagres Lantes, Vítor Recarei (quen lle dá permiso para ausentarse do seu posto de funcionario no Concello de Carballo?) ou varios deputados do BNG, ós que tampouco se lles coñece cargo nin vínculo algún co proxecto do Fórum, máis alá de pertencer a un partido que cada día que pasa está a converter un proxecto que debía ser de todos (pois pagámolo entre todos) nun proxecto de partido.

P.D.: o PP aínda non abriu a boca por este asunto. Se cadra porque este comportamento do BNG supón vía libre para que os populares fagan o mesmo dende a súa actual posición de poder autonómico. E daquela a ver quen lles di nada.



Etiquetas: , ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner