Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, diciembre 15, 2009

Cribles e incribles: sae a licitación a Autovía da Costa da Morte



Ao igual que pasa cos xornalistas, a credibilidade dos políticos é coma os billetes de 500 euros: suponse que existe pero ninguén a ten visto. Ou se cadra si. Fagamos memoria.

Meses antes de rematar a pasada lexislatura o presidente Touriño organiza un par de actos para colocar a primeira pedra da Autovía da Costa da Morte, a vía de alta capacidade que uniría Carballo con Berdoias e que fora adxudicada ás empresas Ferrovial-Agromán e Taboada-Ramos. A obra xa levaba varios anos de retraso e semellaba que por fin ía ser executada. Pero algo ía mal. O tempo pasaba e, sen motivo aparente, as obras non daban comezado de verdade. Nesto, coma diría Feijoo, chegou o momento do 1 de marzo, e un volco imprevisto mudou a cor do goberno galego. As empresas concesionarias sacaron á luz os trapos sucios: as contas da súa oferta non lles cadraban e facía meses que levaban reclamando á Xunta máis cartos para poder facer a obra, unhas reclamacións que foran silenciadas polo goberno socialista na antesala electoral. Feijoo e o seu conselleiro de obras públicas din que diso nada, que o asinado é o asinado, e que eles non van soltar máis guita. As concesionarias non dan a man a torcer e comeza o proceso para rescindirlles o contrato por incumprimento.

E aí comeza a guerra. Feijoo promete que a obra estaría licitada de novo antes de rematar o ano, e que sería libre de peaxe e con catro carrís, tal e como ía ser co bipartito. Marisol Soneira encabeza o discurso socialista, e tanto estes coma os nacionalistas aseguran que se trata dunha trampa. A credibilidade de Feijoo para eles non existe, e o PP realmente oculta que non quere construir a autovía, ou que en todo caso non será autovía ou que terá peaxe. Hai un mes rescíndese finalmente o contrato anterior e Feijoo anuncia unha chuvia de millóns para o novo, pero iso non basta para convencer ós esixentes opositores. Ninguén cría que o presidente cumprise a súa palabra de licitar a obra neste 2009. E, sinceiramente, nós tampouco.

Porque aínda que, alomenos no que respecta ás infraestructuras, o novo goberno galego está a dar razóns para a esperanza, en Carballo e na Costa da Morte temos o cú pelado de escoitar promesas incribles que nunca se fan realidade, veñan do PP, do PSOE ou do BNG (non falemos do parador…). E desta non tiña por que ser diferente. Sen embargo, hoxe “Que pasa na Costa” infórmanos da publicación no DOCE (Diario Oficial da Unión Europea) da licitación desta obra, e con catro carrís entre Carballo e Baio, tal e como estaba previsto. Isto quere dicir que en nos próximos días o anuncio aparecerá tamén no BOE e no DOG, e o proceso recibe o pulo definitivo. Por certo que Feijoo tamén prometeu rematar a autovía dentro desta lexislatura. Veremos se fai pleno.



Noutra orde de cousas pero tamén falando de comunicacións, outro diario oficial, neste caso o de Carballo (xa nos entendedes), anuncia hoxe que o noso Concello vai sumarse á estratexia do Eixo Atlántico nesta materia. De feito, trala visita do Mr. Marshall portugués, o señor Vázquez Mao, vaise realizar un estudo de mobilidade para determinar a forma en que Carballo planificará as súas comunicacións atendendo a criterios de “intermodalidade”, “sustentabilidade”, “innovación”, “competitividade” e “cohesión”. Tendo en conta que se fala de ferrocarrís, de metros lixeiros, e de áreas metropolitanas (cousas que na nosa zona nin existen nin se sabe cando existirán), moito nos tememos que podemos estar ante o típico documento moi bonito, ideal para presentarllo á prensa… e despois adornar os estantes de calquera despacho. Oxalá os Evencio boys (Viña incluido) tamén sexan quen de dar os pasos que lles fagan resultar cribles.



Etiquetas: ,

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner