Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

lunes, enero 11, 2010

Nevada histórica tamén en Carballo


A noticia máis importante desta fin de semana tamén se deixou notar en Carballo. Non chegamos aquí ós extremos de Lugo ou Santiago, pero as folerpas de neve caeron e formaron finas capas en moitos puntos do noso concello.

Parroquias coma Sofán, Entrecruces ou Rus, particularmente nas zonas elevadas, colleron a cor branca que caracterizou os días máis fríos que se recordan en décadas. Porque se non nolo chega a dicir Al Gore, moitos habían tomar iso do quentamento global a broma pesada. Os termómetros baixaron permanentemente dos cero graos centígrados durante a noite e apenas acadaron os 7 graos positivos nas horas centrais do día. Mesmo na costa e no núcleo urbano puidéronse ver por momentos folerpas bicando a rúa. Unha ocasión, por outra parte, para que os máis pequenos desfrutasen dun espectáculo que ha tardar (iso suponse) moitos anos en volver a ver.

En calquera caso semella que o episodio ten as horas contadas, porque todas as previsións meteorolóxicas aseguran que co inicio da semana imos sufrir mal tempo, pero a base de vento e chuvia, non así de frío porque as temperaturas subirán a valores máis habituais.



Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner