A curva de Entrecruces
Unha recta interminable, a de Rus na estrada de Santiago, que remata nunha doble curva de 90 graos, en travesía por entre as casas de Taboada (parroquia de Entrecruces). Non corresponde exactamente ó vídeo que amosamos, pero seméllase bastante. Sobre todo pola cantidade de accidentes e saídas da vía que rexistra.
O certo é que por sinalización non é, e que ben podemos asegurar que a práctica totalidade dos sinistros se deben á imprudencia dos conductores. Pero iso non lles quita o medo do corpo ós veciños do lugar, que xa viviron moitos sustos, e que ven xogar a súa vida canda pasan camiñando polas beiras dunha estrada que ademais resulta imprescindible para comunicar unha parte do lugar coa outra. E tamén xa foron moitas as ocasións nas que protestaron e mesmo se manifestaron para reclamar maiores medidas de seguridade neste tramo en forma de barreiras, bandas sonoras, ou mellores beirarrúas. Trátase dunha vía de titularidade controvertida, pois correspóndelle á Deputación pero fai tempo que moitos axentes reclaman que pase á Xunta, por considerar que estaría mellor atendida. Ademais, a clase de servizos que solicitan os veciños son responsabilidade municipal. Así que, os uns polos outros, entre os malos conductores e o mirar para outro lado das administracións, a casa está sen barrer. Todo o máis foi un pobre sinal colocado polo Concello e os bolardos que os propios habitantes de Entrecruces puxeron pola súa propia seguridade.
Agora, e curiosamente dende a súa edición galega e televisiva, o grupo Voz faise eco desta singular curva, que grazas a Deus, non cobrou aínda ningunha vítima mortal. Mellor tomar medidas antes de que así sexa.
Etiquetas: vías, vías públicas
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home