Todos contra o PSOE
Ben sabedes que unha das nosas teimas sempre é a de tentar ler entre liñas. É dicir, buscar significados ás cousas que moitas veces non aparentan como tales na superficie, mirar un pouquiño máis aló do titular. E a este respecto está a chamarnos moito a atención o ensañamento que se está a producir co PSOE de Carballo a conta dos resultados electorais e especialmente o seu recurso presentado pola votación nunha das mesas, que tamén está a retrasar a constitución do pleno do Concello e mesmo da Deputación. En particular resulta significativa o ataque a degüello no BOE contra a actual dirección socialista dende unha sección de opinión habilitada ó efecto.
Porque non somos nós avogados defensores de ninguén, pero hai cousas que certamente chirrían. Certo que o PSOE de Carballo ven de acadar o peor resultado da súa historia (alomenos en número de representantes) e que está a recurrir ós despachos dunha forma un tanto desesperada para disimulalo. Certo é tamén que a política de colaboración-case-sumisión de José Antonio Viña para-con Evencio Ferrero non estaba a ser ben valorada polos cidadáns. Pero non é menos certo que os socialistas carballeses levan moitos anos nunha crise que os mantén atados a un fondo electoral de 2 concelleiros, con varios candidatos diferentes, e que só o efecto positivo ZP dos anos bos do PSOE lles permitiu unha lixeira subida ó terceiro, sempre lonxe do cuarto. E sen embargo, ata o de agora, nunca tales críticas se sentiran. E tamén é certo que nestas eleccións o efecto negativo ZP xogou en sentido contrario en todos os concellos de España. E aínda é maís certo que no entorno dos socialistas carballeses non asoma a cabeza, polo menos que nós saibamos, de ningún valiente disposto a tomar o relevo dun José Antonio Viña que, certamente, non semella ser o futuro do seu partido.
Así que se cadra temos que deducir que o resultado das eleccións deixou unha inquedanza no aire: que, se ben o BNG subiu un concelleiro, a suba en votos foi máis ben escasa e lonxe das expectativas da maioría absoluta máis “acadable” da súa historia; e que ben pola contra, o conxunto do bipartito perdeu concelleiros e votos por mor do descalabro do PSOE. Isto é, que o flanco débil da esquerda carballesa está nuns socialistas necesitados dunha inxección de adrenalina para espertar, porque do contrario un descenso nacionalista dentro de catro anos deixaría a alcaldía na outra balanza ideolóxica. E iso é o que algunha xente está tentando cambiar, aproveitando a situación.
Etiquetas: política local, psoe, Viña
1 Comments:
Todo el mundo en contra del PSOE precisamente... no, como bien se leía hoy en La Voz. El señor Sueiro era el que abogaba porque gobernase la lista más votada y hoy nos encontramos con que le ofrece a Viña la alcaldía. Pero oiga, después el señor de los pactos, era Evencio. ¿Diréis algo al respecto o tenéis miedo de que Albertito se enfade?.
21/6/11 17:58
Publicar un comentario
<< Home