O Gran Evencio Houdini
Harry Houdini forma parte xa da cultura popular coma grande figura da maxia e do ilusionismo, e tamén coma sinónimo da habilidade para escapar de calquera atadura e calquera situación comprometida. Dende a súa morte aló por 1926, moitos teñen sido os magos que tentaron imitalo e aumentar a súa lenda, aínda que poucos o lograron. Pero en Carballo ten un alumno aventaxado.
Porque de auténtico experto no escapismo pode calificarse ó alcalde Evencio Ferrero. Afeitos estamos xa a presenciar as súas habilidades dialécticas para tratar de escapar de cantos asuntos molestos e problemas puideran afectar a súa imaxe. Andrade, Viña, a Xunta, o PP… o primeiro edil sempre atopa un morto ó que colgar a culpa de todo aquelo susceptible de provocar rexeitamento cidadán. E hai que recoñecer que, ata o día de hoxe, os resultados parecían indicar que con éxito. Mais no caso da comisión de investigación pola contratación dunha candidata do BNG, Evencio ven de dar unha volta de torca sacando un novo coello da chisteira: distraer a atención focalizando a polémica nas dietas a cobrar polos concelleiros da oposición que participen na comisión (coma se el traballara gratis).
Así, no canto de estar a falar das circustancias dun asunto turbio (e os rumores que nos chegan din que é máis ca turbio), o alcalde consegue debuxar ós malvados partidos da oposición coma uns avariciosos que pretenden gañar cartos con falsas acusacións. Tamén se pregunta Ferrero por que se solicita agora investigar unha contratación do ano 2008 (¿se cadra porque por primeira vez en moito tempo hai un goberno en minoría que permite que saia adiante?). Claro que para todos estes trucos de escapismo o artista sempre precisa de colaboradores que preparen os elementos do escenario e contribúan a formar o engano ante o público, e (como non) o gran Houdini carballés tenos e ben situados. Veremos se desta volta tamén logra consumar de novo o seu truco.
Etiquetas: contratación, contrataciones irregulares, funcionarios, política local
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home