O Pacto de Vilardefrancos
Houbo un pacto de Varsovia, uns pactos da Moncloa e mesmo, moito antes de todo iso, houbo un pacto bíblico. E dende Fausto a Al Pacino, houbo quen fixo pactos do mesmo diaño.
Pero hoxe imos falar doutro pacto de nome igualmente rimbombante. Hai xa uns días que Evencio Ferrero propoñía públicamente facer un (bautizado así por el) “Pacto de Vilardefrancos” para afrontar un mandato marcado no seu inicio polas eleccións xerais, e no seu futuro inmediato por unha crise económica profunda e imprevisible. Pouco trascendeu dende entón das intencións do alcalde. Porque máis aló das chamadas ó consenso e ó “acordo social” para procurar o progreso da capital de Bergantiños, non sabemos ren das súas propostas económicas. Polo pronto, o último pleno deixou como resultado unha importante suba de impostos para nada compartida (nin moito menos acordada) polos grupos da oposición. Mal empezamos para buscar pactos.
Porque aínda que Ferrero insista en desvincular a súa misteriosa proposta destas próximas eleccións, e aínda que repita que o nome é o de menos, propoñer pactos en precampaña (mira que non quedará lexislatura) e poñerlle nome antes de que teña contido nin consenso ningún, non é precisamente a mellor forma de procurar a sinatura de ninguén… se eso é o que realmente se pretende.
Etiquetas: política local
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home