Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, septiembre 30, 2011

Tempo de proxectos e trámites


A falta de pan, buenas son tortas. E a falta de cartos para facer cousas, bos tempos para pararse a reflexionar, proxectar e tramitar o que algún día esperamos poder facer. Postos a poñerlle boa cara ó mal tempo, ou mirar sempre a botella medio chea sean caer no optimismo antropolóxico de Mr. Zapatero , o certo é que estes pasados tempos de bonanza económica (ufff, suspiro), tiveron a súa parte negativa. Porque con tanto carto e tanta presa por gastalo, moitas veces non había tempo suficiente para pensar detidamente en qué invertir, ou se as inversión eran certamente as máis axeitadas. Ademais, as premuras casaban mal coa lentitude administrativa e “burrocrática” da multitude de trámites que neste país son necesarios case que ata para saír da casa.

Por iso nos alegra descubrir dúas importantes novas na prensa de hoxe. Por unha banda resulta que a Fundación Juana de Vega imparte un Máster en materia de Arquitectura da Paisaxe, e que na edición de este ano os seus matriculados adicaranse a estudiar e ofrecer propostas sobre da integración do río Anllóns no entorno urbano de Carballo. Ben certo que xa dende hai máis de 20 anos se veñen facendo intervencións neste sentido, con resultados tan acertados e espectaculares coma a zona do parque do Anllóns, antes unha braña que todos evitaban, e agora o mellor barrio da vila. Pero tamén o é que aínda quedan cousas por facer e que de seguro que desta experiencia poderán saír cando menos ideas interesantes a ter en conta de cara o futuro, e ademais de balde.

E por outra parte a Consellería de Cultura ven de aprobar de xeito definitivo o Plan Sectorial que permitirá desenvolver o Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte. Non sabemos exactamente en qué consiste este documento pero en calquera caso trátase dun paso máis hacia esa idea de montar unha ruta para recuperar, poñer en valor e permitir a explotación turística de lugares tales coma o dolmen de Dombate, a Pedra Vixía, ou o noso dolmen de Aldemunde, xa en territorio carballés.

Non sabemos canto se tardará en poder acometer intervencións coma éstas. Pero polo menos interesa aproveitar estes tempos de crise para chegar preparados á recuperación.

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner