Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

jueves, abril 26, 2007

Premios do Padroado Fogar de Bergantiños


Mañán terá lugar no Salón de Plenos do consistorio de Carballo o acto de entrega dos galardóns “carballés, bergantiñán e galego do ano 2006”, que cada ano ven organizando do Padreado Fogar de Bergantiños.

O acto será as 8:30 da tarde, e os premiados son:

Carballeses de ano: Gaiteiros de Cances e Carmen do Cura
Bergantiñán do ano: Asunción Antelo Suárez
Galegos do ano: Tripulación do pesqueiro “Francisco y Catalina”

Despois das palabras do premiados, o acto será clausurado polo Director Xeral de Recursos Pesqueiros da Xunta de Galicia, Antonio García Elorriaga, e servirase un viño galego (así pois, non haberá Rioja. Lástima).

Estes son os currículos dos premiados:…

CARBALLES DO ANO 2006 (GAITEIROS DE CANCES E CARMEN DO CURA)
Os Gaiteiros de Cances:
Ramon Castro Fariña “Ramon de Emilio” (78 anos), Gaita.
José Castro Fariña “José de Emilio”( 82 anos), Tamboril.
José Collazo Alvarez “José da Viuda”( 78 anos), Gaita.( falecido)
Jesus Parafita Varela “Chucho de Parafita”(66 anos), Bombo.
Carmen Bardanca Recarey “Carmen do Cura” (84 anos) , Pandeireta (falecida).
Tanto Ramón como José Castro Fariña (Cances Grande), proveñen dunha familia de músicos, na que seu pai tocaba a gaita e foi o que os enseñou a eles e aos seus irmáns. Empezaron a tocar cando tiñan 12 anos e conta José que corno el era moi pequeno, apoiábase contra unha parede para poder apretar o fol con máis forza. Xunto con Evaristo Calvo, foron a primeira formación dos Gaiteiros de Cances.
Máis adiante incorporouse José Collazo (Liñeiro) que tocaba a Gaita, quen cos anos creou unha banda de gaitas en Cances, na que enseñou a moitos rapaces da parroquia a tocar a gaita.
A raíz da desaparición da banda de gaitas xúntanse os tres (Ramón, e os dous Josés) e empezan a ir a tocar a romarías e festas por toda a comarca. Contan que os contrataba o vicario (o que tiña a función) da festa e que pola mañá cedo daban a entrada na casa deste tocando, e logo, se había parva (viño e pan) seguían tocando hasta que chegaba o momento de baixar á igrexa, acompañando ao vicario e á súa familia tocando polo camiño, logo no alzar e despois na procesión, rematando cos bailes de despois da misa; xa pola noite volvían ao adro e tocaban ata a madrugada.
Xa naquela hora na parroquia había unha muller coñecida como “Carmen do Cura”, dado que traballaba na casa deste. Esta muller, nacida en Coristanco, uníase aos Gaiteiros nas festas e reunións familiares parroquiais para tocar a pandeireta e cantar. Era de carácter alegre e familiar (sempre que tocaba a xente dicía que “onde esta Carmen do cura hai alegría e festa”. Adeprendeulle a moitos rapaces e rapazas da Parroquia a tocar a Pandeireta.
Xuntábanse para ensaiar no teleclub parroquial, e dado que tocaban de oído, un tarareaba ou tocaba na gaita algo que se lle ocorría, e a continuación ensaiaban e perfeccionaban. Deste xeito crearon pezas como a Muiñeira de Cances, Jota do Vilariño, Muiñeira Vella, Muiñeira de Malpica, Jota de Ponteceso.
Durante tres anos, José de Emilio, Ramón de Emilio e José da Viuda, formaron grupo con Eduardo Vázquez Espasandin ”Jai Jai”, ao que acompañaron en moitas actuacións tanto en festas coma romarías, así como no programa Luar da televisión de Galicia.
Finalmente xuntouse ao grupo, para tocar o bombo, Jesus Parafita (Cances Grande), quen formou parte dunha orquestra e tocou durante varios anos na banda municipal de Carballo.
Con Chucho de Parafita é a ultima formación dos Gaiteiros de Cances, que aínda hoxe en día seguen tocando por festas e romarías en toda a comarca de Bergantiños.


BERGANTIÑAN DO ANO 2006 (ASUNCION ANTELO SUAREZ)
ASUNCION ANTELO, VISTA POR CRISTINA ABELLEIRA:
Poetisa, oleira, canteira... Asunción Antelo Suárez modela coas súas mans o mundo no que sempre viviu na sita aldea de Segufe e mundos que nunca coñeceu.
Asunción Antelo Suárez (Coristanco, 1919) naceu nunha mañá de agosto, “cando o sol empazaba a raiar», di nun dos seus poemas. Case non foi á escola. Había demasiado que facer na casa. Naqueles tempos, os únicos mapas que se estudiaban eran extensos campos de herba nos que pacían as vacas e as ovellas; o mestre, o sacho, e o pupitre, a cama de palla na que tan ben se descansaba cando as pulgas deixaban. Os traballos do campo marcaban as estacións e a vida. E foron pasando primaveras, veráns, outonos e invernos antes de que as cousas cambiasen, de que Asunción quedase soa na casa natal de Segufe con dous irmáns varóns e que as noites fosen demasiado longas para ela.
Tiña xa corenta anos cando descubriu que a libreta e o bolígrafo podían ser excelentes antídotos contra os desvelos. No negro inverno comezou a escribir, como sabia, un verso tras outro, unha Páxina tras outra. Así naceu a Rexoubeira de Bergantiños, como a ela lle gusta ser coñecida na comarca e como se autobautizou no seu primeiro —e único, polo momento- poemario. 0 seu libro é unha escolma de 101 anacos da súa vida; de Bergantiños, que describe de memoria ata nos detalles mais minúsculos; dos amoríos que —di ela —nunca tivo; de galeguistas como Alexandre Bóveda e Castelao, que son fonte de inspiración inesgotable; de poetas como a seu veciño Pondal e a súa idolatrada Rosalía, á que lle gustaría parecerse, e de si mesma.
As Páxinas da Rexoubeira de Bergantiños (Asociación Monte Branco, 1995) teñen un significado moi especial. Non só polo descubrimento dunha poetisa rural e autodidacta, senón porque serviron para financiar, polo menos en parte, o soño da súa autora:
«A miña ilusión máis grande —non se cansa de repetir- era ter un museo para deixar un recordo de que pasei por este mundo». Porque Asunción non só escribe. Non. Dun anaco calquera de barro é quen de facer unha maqueta da festa que se celebraba antano no adro da igrexa de Seavia, perfectamente reproducida a escala; da raiz dunha árbore pode crear desde un tallo no que repousar á sombra no Verán ata unha figura humana de estrañas formas que ben podería formar parte da escultura máis vangardista; e dunha pedra pode facer un reloxo ou mesmo o letreiro que dá a benvida aos visitantes do seu museo. O soño de Asunción fíxose realidade o 20 de abril de 1998. O museo está aberto para todo o mundo e sempre, os 365 días do ano e practicamente as 24 horas do di a. Basta con chamar g porta ou con entrar polo curral. Será raro qué a mesma Asunción ou o seu irmán non saian ao encontro do visitante. Neste lugar pódese ver xa unha primeira mostra da imaxinación e a capacidade retentiva da Asunción artesá, porque construiu Un muiño de pedra como aqueles nos que moía de moza, e ademais fol quen de facelo funcionar.
A asociación cultural Monte Branco do Couto (Ponteceso), tamén editou o segundo libro da escritora, esta vez un relato curto titulado As penurias dun amor (1999). Na localidade pontecesá, a artista foi homenaxeada en 2004, dentro do programa de actos da Festa das Letras Galegas. un honor que comparte con nomes come Manuel María, Bernardino Graña, os regueifeiros de Bergantiños ou o mesmo Xosé Neira Vilas, entre outros.
A pesar dos seus 87 anos, esa muller pequena e delgada, sempre vestida do negro, é un exemplo do vitalidade e perseveranza que sempre te recibe cun sorriso.


GALEGO DO ANO 2006
TRIPULACION DO PESQUEIRO “FRANCISCO Y CATALINA”
O 14 de xullo de 2006, o barco con maioría de tripulación galega “Francisco y Catalina” atopábase en augas internacionais, cerca da costa de Libia.
Por casualidade, por circunstancias da vida, mellor dito, por circunstancias do mar, atopouse cunha “patera” á deriva con 51 inmigrantes a bordo a punto de morrer. O mesmo horror que o “Franciso y Catalina” tamén o atopou outro barco de bandeira maltesa, pero estaba moi ocupado e tiña que traballar; non era o momento oportuno nin axeitado para pararse a salvarlle a vida a 51 seres humanos.
En cambio, os tripulantes do barco español, sen máis subiron a aqueles náufragos á súa embarcación evitándolles unha morte certa. Chamaron a un lote de barcos para pedir axuda, pero ninguén lles aclaraba nada. Como dixo o patrón do “Francisco y Catalina” José Dura, “ninguén quería o paquete”.
Aínda que conscientes de que se lles estaba complicando a vida e o traballo, non o pensaron dúas veces, e decidiron rescatar a aqueles homes, a aquelas mulleres, e a aquela nena, que se estaban consumindo nunha balsa, sen que ninguén ata aquel momento fixese nada por eles.
E nese momento empeza a aventura, a incomprensión, a intransixencia, a despreocupación, a deshumanización,... en fin, a burocracia.
Durante sete días e medio a diplomacia (¿esta palabra non significaba outra cousa?) mantén en terra –queremos dicir mar- de ninguén ao “Francisco e Catalina” coa súa tripulación e os seus convidados forzosos. ¿Era posible que 51 persoas non significasen nada e que non houbese ningún Estado disposto a darlles cobixo? Pois si que parecía que o era.
No barco, e aínda coas dificultades das distintas linguas, vaise creando unha certa camaradería, comprensión, sentido do dereito e do deber. A pesar das prohibicións, os tripulantes do “Francisco y Catalina” atenden, socorren, axudan, acompañan, a aqueles 51 semellantes. Non o consideraban unha labor de heroes, senón de mariñeiros, de persoas.
Durante estes días, os tripulantes do pesqueiro non puideron faenar, cos grandes perxuizos económicos que elo conlevou, sobre todo nun sector como o pesqueiro. Pero pola contra, recibiron o recoñecemento internacional á súa labor humanitaria e solidaria.
Así, entre outros recoñecementos, foron condecorados polo Goberno Español coa Orden do Mérito Civil, nun acto que presidiu a Vicepresidenta do Goberno.
Tamén as asociacións e colectivos da Comarca de Bergantiños, queren recoñecer co premio de “Galego do ano 2006” a esta tripulación, formada por: José Durá López, armador e patrón do buque; Bautista Molina Soler, segundo patrón; Alvaro Domínguez Soneira, contramestre; Jaime Valero López, cociñeiro; Antonio Baeza Lloret, primeiro de máquinas; Juan Pascual Lafuente Durá, segundo de máquinas; Jesús Nemiña Antelo, triador; e José Emilio Toba Martínez, Ramón Marcote Traba e Manuel Pérez Ballón, mariñeiros.


1 Comments:

Anonymous Anónimo said...

a pailarocada deste ano superou todos os pronósticos. sin comentarios

29/4/07 02:44

 

Publicar un comentario

<< Home

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner