Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

lunes, septiembre 24, 2007

Eternísimo retorno


Xa trouxeramos antes este concepto a Carballo Dixital para explicar parte do que sucede na política carballesa. Fora a conto do famoso concurso do centro comercial da praza, no que os acontecementos se repetían indefinidamente sin saír adiante, nun etorno retorno que nos fixo lembrar a marabillosa película “Atrapado no tempo” (“Groundhog Day” en versión orixinal) protagonizada por Bill Murray e Andy McDowell.

Mais hoxe quixemos voltar a lembrar esta historia coa axuda do Youtube para ilustrar outro eternísimo retorno: o das promesas e grandes proxectos para a nosa pequena cidade. Cando se cumpren 100 días do novo (ou vello) bipartito BNG-PSOE, lemos con todo luxo de detalles unha longa lista de plans de futuro que se deberían concretar no presente mandato. Todo moi bonito, de non ser que se trata da mesma lista dos mesmos plans que se presentaran hai agora catro anos, e dos que na maioría dos casos non se ten sequera colocado a primeira pedra: o polígono máis anunciado do mundo que aínda non comezou os traballos, a Casa dos Oficios que vai camiño de ser o novo Gaiás, o saneamento da costa que acumula anos de retraso, a circunvalación da que non hai nin datas, como non o parking subterráneo e a reforma do mercado da que se fala moito e non se concreta nada, mesmo o carril-bici sempiternamente prometido por Evencio Ferrero… As promesas repítense (outras, coma a peaxe, mesmo se esquecen) e nada novo hai sobre da mesa. Agardamos que nesta lexislatura o pobre Phil poida ver un novo día, cando menos nalgún destes asuntos.




 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner