Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, septiembre 14, 2007

Concilia… como poidas


Se hai dous días recolliamos os problemas que se estaban a dar no inicio do curso escolar 2007-2008, hoxe temos que falar de máis e máis graves deficiencias que ó longo da semana quedaron de manifesto nos centros educativos carballeses. Ós problemas de admisión de prazas nalgúns centros súmanse errores de xestión de bulto por parte tanto da Delegación da Xunta coma do Concello de Carballo. E é que unha cousa é vender a burra e outra cousa é cómo funciona en realidade esa burra.

Por unha parte a creación de comedores escolares vendiuse coma un gran avance para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral dos pais. Un gran avance se funcionase de verdade, claro. Porque resulta que na nosa pequena cidade tanto o San Luis Romero coma A Cristina carecen deste servicio, que no Fogar só hai praza para a terceira parte dos nenos matriculados (hai irmáns maiores con acceso a comedor, e irmáns menores que non o teñen), e que no Bergantiños tiveron que ser os propios pais os que solventasen a papeleta. Para empeorar as cousas, a Delegación ven de suprimir algunhas liñas de transporte escolar, e o montacargas colocado este ano no Fogar non serve porque se tomaron mal as medidas dos carros das bandexas. A fotografía publicada no Diario de Bergantiños co persoal do colexio subindo o carro polas escaleiras é todo un poema.

Pero máis grave aínda é o que está a pasar co programa “Concilia” que o alcalde de Carballo vendía hai ben pouco coma un grande éxito de xestión, e que ó parecer foi deseñado para horarios doutros países. Porque as horas de recollida dos nenos son totalmente incompatibles e “irreconciliables” coas de calquera traballador normal do noso país. Se cadra o título cortouse e debía ser “Concilia… como poidas”.

En resumen, un caótico inicio de curso que non obedece a simples retrasos de obras, prazas pendentes de cubrir ou pequenos axustes por arranxar, senón que evidencia unha mala xestión de fondo por parte das administracións educativas, tanto locais coma autonómicas. Se tiveran que examinarse, a nota non subiría de “deficiente”.



 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner