Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, marzo 28, 2008

Coa boca pequena


Unha boa satisfacción levamos hoxe ó descubrir o boletín diario que o Concello de Carballo concede ós medios para cubrir as súas páxinas de información. Non sabemos se o noso artigo de hai dous días puido surtir algunha clase de efecto, non somos tan vanidosos aínda que nos consta que nos siguen con atención. Pero en todo caso, no medio de apaixonantes informacións sobre do coste unitario dos pasos de cebra, semella que algunha das reivindicacións que reclamabamos sobre da enorme lista de proxectos pendentes para a nosa cidade volta á vida.

Segundo informa a prensa local, e como resultado da primeira visita oficial do presidente Touriño a Carballo, Evencio Ferrero entregoulle un documento no que solicita o apoio da Xunta para proxectos tales coma o saneamento e abastecemento da Costa (previsto xa polo anterior goberno xunteiro, hai 3 anos), o mercado de abastos e mailo aparcamento soterrado, a zona deportiva do bosque (presentada con maqueta tamén hai xa 3 anos), a Agra da Lagoa (pensabamos que isto era promoción privada), as travesías de Bértoa, Malpica ou Fisterra (para as que hai compromisos antediluvianos pero nin un peso), ou mesmo o lendario hospital comarcal.

Se este documento se elaborou antes de escribirmos nós o noso artigo, vexan a puntería que tivemos ó enumerar prácticamente a mesma lista de incumprimentos, salvando a peaxe da A-55, que esa xa semella totalmente esquecida polo alcalde carballés. Felicitémonos pola saída do letargo de Ferrero, pero doiámonos porque esta solicitude faise coa boca pequena, a posteriori da visita, e nun pequeno artigo filtrado ós medios que moitos nin tan sequera acertarán a atopar, simplemente coa intención de xustificarse. Contrástese con aquel político reivindicativo que gustaba de colocar pancartas, dicir as cousas altas e claras na cara do conselleiro de turno, ou mesmo de pedir a demisión de Sueiro por un retraso dun par de meses nunha das fases da travesía, finalmente executada (por certo, a finalización da travesía da Vázquez de Parga tampouco figura na lista de Ferrero. Xa renunciou a algo que antes era "tan importante"?).

Serán os efectos do sillón?



 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner