Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, marzo 14, 2008

Detrás das vallas II: as comunicacións



De todos aspectos que teñen centrado o debate local entre os cidadáns carballeses tanto nas rúas coma nos medios, as comunicacións viarias, sobre todo coa Coruña, é posiblemente o máis prolífico.

A mellora da conexións coa cidade herculina era unha reivindicación histórica que se viu parcialmente satisfeita coa construcción da A-55, a primeira vía autonómica destas características, que nun primeiro momento era gratuíta e chegaba tan só ata Cabovilaño (A Laracha). Por aquela época os atascos da travesía de Carballo extendíanse varios kilómetros ata invadir en ocasións a propia saída da autovía. Anos máis tarde completábase o trazado incluindo a circunvalación polo norte da nosa cidade, e con elo implantábase a peaxe. Foron os anos da “Plataforma pola Autovía Gratuíta”, presidida por Evencio Ferrero, que se converteu na agrupación máis activa e reivindicativa da comarca con multitude de actos e movilizacións. A politización da plataforma fixo que o PSOE, que fora un dos fundadores, se desligara do proxecto.

Os anos teñen pasado, o tráfico ten aumentado, a peaxe mantense pese ás promesas electorais, e os axentes políticos e sociais teñen posto enriba da mesa outras ideas: da terceira estrada de Manuel Andrade ó metro lixeiro de Evencio Ferrero. Nos dous casos, máis ocurrencias do momento que propostas en firme. De feito, non se ten realizado ningún estudio medianamente serio. Sexa por iso ou non, os proxectos de novas vías de comunicación diríxense agora cara a Fisterra. A Xunta ten aprobado a Vía de alta capacidade Carballo-Berdoias e a circunvalación de Carballo polo sur. Sen embargo, cando estamos case no último ano de lexislatura PSOE-BNG, a primeira vía aínda non se ten licitado (o PP denunciaba recientemente a sucesión de retrasos nas datas anunciadas, cousa que tamén temos reflexado no noso blog), e a segunda está en fase de redacción do proxecto e nin tan sequera hai data para que as máquinas comecen a traballar.

Non obstante todo o anterior, chama a atención a absoluta ausencia de reivindicacións e do necesario debate na vida pública, máxime considerando que antigos “activistas” coma Evencio Ferrero ocupan hoxe precisamente postos de responsabilidade política. Nin esta contradicción nin moitas outras suscitan agora protestas, porque tamén están detrás das vallas.



 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner