Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

sábado, abril 26, 2008

Reivindicación cultural


Unha proposta interesante e digna de aplauso a que nos deixou esta semana informativa. Tende a ser un comportamento habitual dos intelectuais e xentes adicadas ó mundo da cultura o de amosarse especialmente activos, críticos e vixiantes fronte a gobernos de dereitas, e especialmente pasivos, amistosos e condescendentes fronte a gobernos de esquerdas. As causas deste fenómeno (que tan ben retratou Revel), extensivo a case todos os países, poderían dar para un debate en si mesmo, pero este non é o momento. Sen embargo, sempre existen espíritos libres capaces de sobrepoñerse ás tendencias e pensar e propoñer pola súa propia banda.

Nunha entrevista concedida a RadioVoz Bergantiños co gallo do día do libro, o escritor e historiador carballés Xan Fraga lanzaba una reivindicación en positivo, a de construir unha grande biblioteca en Carballo. Entende este autor que o actual local municipal do que dispoñemos responde ás necesidades doutra época, que Carballo ten medrado moito dende entón, que temos moitos centros de ensino, e que ademais da precisarse un maior tamaño tamén debería de haber unha presenza moito maior das novas tecnoloxías. Certamente estamos de acordo.

Sen embargo e tristemente, esta idea non ten sido recollida pola prensa local nin polos grupos políticos nin do goberno nin da oposición, e córrese o risco de que caia no esquecemento. Dende aquí queremos suliñar e chamar a atención sobre a que probablemente ten sido a primeira revindicación cultural dende que os nacionalistas xestionan a cultura en Carballo. Oxalá non sexa a derradeira, e sobre todo oxalá que se fagan realidade.



Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner