Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

viernes, mayo 02, 2008

A Policía Local de Carballo, en pé de guerra


Hai só uns días, o goberno presentaba coma un éxito a ampliación da zona azul, e La Voz de Galicia prestábase a facerlle de corifeo (como dicía un comentario publicado neste blog, Granma é máis independente que La Voz).

Pero hete aquí que salen á palestra os que saben como está realmente o asunto do aparcamento, do tráfico, da seguridade, en Carballo: os policías.

E os policías de Carballo acaban de mandarnos unha nota, que publicamos íntegramente, e que sirve para enterarnos de detalles como que a Zona Azul non está sendo controlada por ningún policía, que dende 1992 o incremento de policías en Carballo foi de só 3 axentes, que non chegaron a poñerse en funcionamento nin a Ordenanza de Carga e Descarga nin a de Paradas de Autobuses (aprobadas en 2004), etc. etc.

Xa avisamos que a nota é longa, pero aconsellámosvos a lectura ata o final, porque non ten desperdicio:

Diante das informacións aparecidas nos medios de comunicacións en datas recentes, referidas a aprobación polo Governo Local de Carballo da ampliación da Zona Azul, a revisión da utilización das zonas de carga e descarga e outras tamén relacionadas coas dificultades para a circulación no casco urbano de Carballo, esta Asociación Profesional, na que están integrados a maioría do Policías de Carballo, manifesta:

Sin entrar na valoración da efectividade da Zona Azul en canto a regulación dos estacionamentos, queremos facer público que a referida Zona Azul non está a ser atendida por ningún Policía, xa que ó axente que se lle encomendou esta función está de baixa por Incapacidade Temporal, habendo longas temporadas con esta mesma situación. Esto é debido, estre outras cousas, á política da Concellaría de persoal do Concello, da que é o seu titular o Concelleiro Benedicto Viña, como tamén o é da Sección da Policía Local. Calquera pode entender que para exercer as funcións propias do Corpo ó que pertencen, os policías deben ter unha determinada capacidade física e mental, e de feito, a Lei de Coordinación das Policías Locais establece as condicións nas que os Policías deben pasar a unha segunda actividade, e entre elas están o alcanzar a idade de 55 anos ou cando, sin chegar a isa idade, o axente teña mermada a súa capacidade física ou mental.

Pois ben, o Concelleiro da Policía de Carballo, e polo visto tamén, o Xefe do Corpo, teñen outra interpretación, e así ocorre que hoxendía hai tres policías apartados do servicio 24 horas por problemas físicos e/ou mentais, pero que teñen asignados servicios na rúa. Así podemos atopar algún policía pola rúa que non porta arma regulamentaria, o que está de feito prohibido por lei. ¿Qué pasará si ese policía que está na rúa se atopa nunha situación na que debe defender a integridade física, ou a vida, dos cidadáns, ou a súa propia vida?

Tamén nos podemos atopar con que eses policías......que teñen mermadas as súas condicións físicas e/ou mentais, son os que regularmente fan as súas funcións no vehículo policíal, mentres aqueles que se encontran en perfectas condicións cumpren o servicio a pé. ¿Qué pasará si xurde unha emerxencia? Pois que os axentes que traballan a pé deben acudir con urxencia á Xefatura, coller un vehículo policial e desprazarse ó lugar da emerxencia. Despois non poderá sorprender que o tempo de resposta non sexa o axeitado.

Namentras, os Partidos Políticos, sen excepción, non teñen reparos en incluir dentro do seu Programa a ampliación da plantilla da Policía Local. Pois ben, dende o ano 1992, é decir, en 16 anos, o incremento efectivo da plantilla foi de 3 axentes. Menos de un axente cada 5 anos. Si a eso lle engadimos que hai tres policías apartados do servicio 24 horas e que en vez de un Cabo agora hai dous (que tampouco fan servicio 24 horas), o saldo é negativo.

Como consecuencia, en periodos de festas, como son o San Xoán ou o Nadal, para "vender" diante dos cidadáns o incremento da presencia policial nas rúas, decretan a suspensión de vacacións e permisos dos policías.

A carencia de efectivos tamén é argumento para denegar de xeito sistemático os días de permiso ó que teñen dereito os policías, como funcionarios que somos.

Agora no verán, o Governo Municipal nomeará a catro Auxiliares de Policía, que carecen do carácter de Axentes da Autoridade, que a lei atribúe os Policías. Estes auxiliares de policia non poden denunciar infraccións de tráfico, nin identificar persoas, e moitos menos, detelas, pero en Carballo non teñen reparos en que substitúan ós axentes e asuman as funcións dos mesmos. Desta maneira, mesmo traballan polas noites, facendo seguridade cidadá. Pero o importante é ter presencia policial nas rúas, ainda que sexa con persoas sen experiencia, sen preparación específica e se a autoridade necesaria. O importante é "que nos vexan".

Os estudos realizados sobre as condicións de traballo dos axentes da Policía Local, e en concreto, o realizado en datas recentes pola Universidade de Cantabria, determinan que os axentes con idades próximas ós 40 anos empezan a mostrar un "deterioro funcional claro", e por riba dos 55 a capacidade para cumprir a maior parte das súas funcións "atópase mermada significativamente, afectando á súa propia saúde e á seguridade de terceiros".

Este estudo, que se fixo durante un ano, en 643 plantillas de Policía Local, destaca que o 65% dos policías tivo problemas de estrés, que case un 17% necesita consumir tranquilizantes ou relaxantes, e que preto dun 45% tivo problemas de ansiedade. A idade media dos Policías Locais de Carballo non está lonxe dos 50 anos. Non se está a renovar a plantilla con xente nova. Non se está aplicando a lei no referente á segunda actividade. Suspenden os permisos e vacacións en tempos en que todo o mundo quere estar coa súa familia. Non sorprenderá, entón, que dentro de pouco, os policías "apartados" do servicio 24 horas sexan máis que os que presten ese servicio. E aqueles que o sigan prestando, de seguro que non estarán nas mellores condicións para facelo.

No que atinxe ós problemas de circulación e aparcamento no casco urbano, entendemos que é un problema do que non está exento ningún Concello de certa entidade. Pero si ese Concello, por riba, carece dunha ordenanza de circulación, o problema é irresoluble.

Este é o caso do Concello de Carballo, que con máis de 30000 habitantes, é en pleno ano 2008, aínda non ten aprobada unha Ordenanza Municipal de Circulación, a pesares de estar así atribuído pola Lei Sobre Tráfico, na que se dí textualmente, en canto ás competencias dos municipios: "A regulación mediante Ordenanza Municipal de Circulación, dos usos das vías urbanas, facendo compatible a equitativa distribución dos aparcamentos entre todos os usuarios coa necesaria fluidez do tráfico rodado e o uso peonil das rúas ..."

Que saiban os policías, unicamente están regulados por Ordenanza os seguintes apartados:

- A Zona Azul, da que xa queda acreditada a atención que se lle presta.

- A Carga e Descarga. Que foi aprobada no ano 2004, e nunca se puxo en marcha, pero para a nosa sorpresa, o Concelleiro ven a dicir en abril de 2008 que pretende adecuar a súa utilización.

- As Paradas de Autobuses. Tamén se aprobou no ano 2004, .. e tampouco se puxo en marcha. Presumiblemente, un destes días o Concelleiro anunciará que vai a "adecuar a súa utilización".

Descoñecemos si existe unha ordenanza para a "Zona Verde". Pero na rúa Colón, hai un espacio sinalizado, dende hai xa moitos meses, horizontalmente coa cor verde e verticalmente con sendos sinais que indican que é unha zona restrinxida a residentes, excepto os días de feira. Tamén será obxecto de "adecuación".

Pero por si eso fose pouco, Carballo padece unha regulación da circulación do tráfico pésima e perigosa, e o mesmo se pode dicir da sinalización. Existen en Carballo cruces imposibles, pola súa regulación e sinalización. Pódese citar como exemplo o cruce de Praza de Galicia con Camiño Novo e rúa Ponte, onde se fixo un importante inversión de diñeiro en semáforos que nunca se puxeron a funcionar e que resulta un embudo no que se atascan os vehículos. Outro exemplo de mala regulación e sinalización é o cruce de Vázquez de Parga con Emilia Pardo Bazán, que resulta extremadamente perigoso pola pésima resolución que se lle deu.

Pero mención aparte merece o cruce das rúas Ponte, Perú, Poniente e Luis calvo. Calquera que se achegue a este cruce cando non están a funcionar os semáforos, poderá comprobar as tremendas dificultades que teñen os conductores para saber quen ten prioridade de paso, xa que cada unha destas vías conta co seu sinal de "ceda o paso" ou "stop". Non é de estranar, tal como está sinalizado. Nos tamén temos as mesmas dificultades. Calquera día haberá unha desgracia persoal, como foi a morte por atropelo ocorrida na rúa Vázquez de Parga, onde a sinalización do paso de peóns era deficiente, para que se revise a sinalización. Pero para entón, a desgracia xa terá ocorrido.

En canto á sinalización informativa, entendemos que en Carballo pode chamarse de calquera outro xeito, menos informativa. Hai unha ausencia case total de paneles indicadores de direccións e os poucos que hai son pouco afortunados. Cabe mencionar que si algún visitante, que proceda do centro de Carballo, é decir, da Praza de Galicia , e baixe pola rúa Ponte, en dirección a Malpica, atopará no seu camiño un indicador que reza "centro de poboación", que o levará a Fisterra. É posible que ó cartel lle falte eso último: "centro de poboación ... de Fisterra". Os carteis que poñen "Outras direccións", nin merecen comentario.
Dende esta Asociación queremos denunciar publicamente que tódolos políticos que pasaron polo Governo, lexislatura tras lexislatura, teñen a súa parte de responsabilidade, en especial aqueles que tiveron ou teñen responsabilidades na Policía Local, delegadas polo Alcalde de turno, por non ter, cando menos, tentado darlle solución a estes problemas.

Pero posiblemente máis grave sexa o caso do Xefe da Policía de Carballo, que despois de máis de vinte anos no cargo nin denunciou a situación, nin fixo nada para remediala. Posiblemente, sexa porque non traballa a turnos, non lle denegan os permisos, vai de vacacións cando él quere e cobra as horas extras que él mesmo controla, entre outros "privilexios". Como acabo de dicir, "actual Xefe da Policía Local", pois a nova Lei de Coordinación de Policías Locais de Galicia (lei 4/2007 de 20 de abril) aprobada no mes de maio do ano pasado, cita textualmente no seu artigo 28.5 "a creación da categoría de Inspector Principal será obrigatoria nos Concellos de máis de 25.000 habitantes...". Queda claro que ó Concello de Carballo de momento esquecíuse de que ten que crear unha nova praza de Inspector Principal, e por tanto ó ser esta praza de superior categoria, ter así un novo Xefe da Policía Local de Carballo. Cómpre suliñar que dende a Asociación apoiaremos con tódalas nosas forzas a aplicación da Lei de Coordinación de Policías Locais por entender que é un mecanismo necesario e moi beneficioso para o progreso e millora dos Corpos de Policía Local.

Carballo, a 02 de maio de 2008
O Presidente da Asociación Profesional
de Policías Locais da Costa da Morte

Etiquetas:

7 Comments:

Anonymous Anónimo said...

Gracias a esta asociación de talibanes encubiertos bajo una asociación manipulada por dos espabilados detractores de todo lo que no les interesa para su conveniencia, asi va la Policia Local de Carballo desde su ingreso en la nómina municipal estos "personajillos" engreídos que visten un traje azul como cualquier otra persona y se creen los amos del mundo, siempre estan a la vuelta de una esquina para crear problemas y generar discordia y un malestar continuo entre todos sus miembros, tanto en el ámbito policial, como de los demás trabajadores municipales e incluso de los políticos que han estado o ejercen como tal en el Ayuntamiento de Carballo.

9/5/08 13:43

 
Anonymous Anónimo said...

A este seguro que le retiramos algun dia el coche con la grua, cuando tando ladra, seguro que algo le pica.
Un saludo de un taliban, que dice las verdades aunque duelan.

9/5/08 15:02

 
Anonymous Anónimo said...

Mais ben sonan as de algun mando da policia, resentido coas verdades. E penoso pero ese comentario anonimo sae dun mando, polo menos os policias dan a cara non se esconden.

9/5/08 19:36

 
Anonymous Anónimo said...

En tódolos colectivos hai trepas, lamecús e outras especies dañinas.
Esta xente está sempre agochada, esperando o seu momento, sen comprometerse. En ocasións, xogando a dúas bandas.
Agora ben, obteñen os mesmos beneficios daqueles que dan a cara e loitan polos dereitos dunha colectividade. E tamén sacan partido, a xeito de recompensa, por manterse á marxe das loitas.
Este que fala, de seguro que un deles, e xa obtivo a súa recompensa, de seguro, en forma de ascenso a dedo.
Si, na Policía Local de Carballo, tamén se pode ascender deste xeito.

11/5/08 16:03

 
Anonymous Anónimo said...

Dende logo un resentido si que o é. Parece que non lle interesa que se albrote o galiñeiro, pois débelle de valer a situación actual da Policía. Será dos que cobra as horas que ningún xefe nin político responsable son capazes de xustificar. Debe ser dos que non teñen horario para entrar e sair. Debe ser dos que utilizan medios e material municipal para a súa vida privada. Debe ser dos que dispoñen dos días de permiso que se denegan ós demáis.Debe ser dos que nunca dou a cara para protestar e solicitar melloras, pero cando estas chegan é dos primeiros en aproveitalas.Si pedir cambios é ser talibán,pois entonces son talibán, e quero que me fagan traballar, e que me manden cumplir cas miñas obrigas e quero que esto cambie, non quero seguir sendo un vago para os cidadáns, únicamente por ser mandado por torpes, quero que o cidadán sepa claramente cando o que non fago é por que non quero ou por que non me deixan.Quero que cando a un cidadán lle hai que decir branco se lle diga branco e non rosa por quedar ben no momento. E xa que saiu a luz o problema da Policía Local de Coslada e de que o seu xefe tiña cestas de navidade na súa casa, eu son dos que non teño cestas na miña casa.

11/5/08 20:01

 
Anonymous Anónimo said...

É moi interesante o escrito do primeiro anónimo.
O primeiro que di é que a Asociación de Policía está manipulada por dous espabilados. Son tan espabilados coma para facerlle ver ós seus compañeiros aquelo que non existe, e por riba, consiguen aquelo que lles interesa (os espabilados) "para a súa conveniencia". Entón, ¿qué será o que buscan os "espabilados" dende o seu "ingreso en nómina"?. Ascenso non debe ser, porque xa se sabe que o protocolo para o ascenso non inclúe facer critica ós xefes e ós políticos. Debe ser outra "conveniencia". Por exemplo, gañar máis cartos que os outros. Tampouco me parece, tódolos policías cobran o mesmo (pouco). ¿Favores políticos, acaso? O mesmo que para o ascenso, o único que se consegue son expedientes disciplinarios (que por sorte non prosperan diante dos tribunais). ¡¡¡ Porfa, dinos que conseguen os "personajillos".
O de "vestir de azul coma calquera outra persoa", non vou a dicir nada, é unha chorrada que non merece nin comentario.
Respecto ó de crear discordia no ámbito policial, ¡¡¡ por suposto!!!. Coma dí un anónimo anterior, sempre hai quen prefire que non se remexa nada, e loxicamente estas cousas non lles van ben.
O da discordia cos demáis traballadores do Concello non o entendo. O anónimo, que polo que se ve, sabe tanto dos problemas internos, poderá explicalo. ¿Acaso tampouco a eles lles interesa que ninguén reclame melloras económicas, laborais e de funcionamento de servicios? ¿Estamos todos ben así? Eu creo que non. No Concello de Carballo non hai Convenio Colectivo nin Relación de Postos de Traballo. ¿É que os traballadores non lles interesan esas cousas? Digo o mesmo que para certos policías, se non lles interesan e porque están ben así (por algo será). Algún día poderemos abordar ese tema en profundidade.
Con relación ó tema dos políticos, vexo que o anónimo está preocupado porque estamos a crearlle malestar. ¿Estará doído por algún en particular ou será o Defensor dos Políticos en xeral?. Si algo hai que non se lle pode reprochar á Asociación de Policías é de discriminación con algún partido político, xa que dende gobernaba o PP estivo reclamando melloras para o colectivo, e dende entón xa pasaron polo goberno o BNG, PSOE e Terra Galega. ¿Serán , entón, anarquistas os policías, e querrán derrocar toda forma de poder?
Deixei para o remate o asunto ese de "talibáns encubertos baixo unha Asociación". Eu tamén me estaría escachando de risa coa ocurrencia, pero o tema é o bastante serio coma para tomalo a coña. A asociación de Policías ten carácter de asociación profesional, debidamente legalizada coma tal e con todas as garantías legais. Foi constituída para a defensa dos intereses dos policías locais, e eso é o que imos facer, sempre reclamando baixo a legalidade, pese a quen lle pese, e por riba de quen queira impoñer outra cousa que non sexa a estricta legalidade.
O meu consello ó anónimo é que faga o mesmo, e se deixe de conspiracións xudeo-masónicas.

14/5/08 11:37

 
Anonymous Anónimo said...

A fecha de hoxe o concellal de tráfico aínda non pediu disculpas por tratar de miserables ós axentes da policía local. Non estivo a altura e sábeo. Cada día que pasa distánciase máis dos traballadores e vai perdendo o seu respeto. O insulto por adornar unha declaración non sirve de nada. Sabe que insultou ós que non o merecen, e cando digo que o sabe, é por que no profundo,é así.

14/5/08 18:21

 

Publicar un comentario

<< Home

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner