Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, septiembre 09, 2008

Supraorganizacións


Referímonos a aqueles organismos que agrupan a outros para perseguir fines teoricamente comúns. Consorcios, áreas metropolitanas, grupos de acción, fundacións, etc, etc, ocupan unha parte importante e extensa da información e da actualidade de todos os concellos, e xustamente hoxe tócanos ós carballeses por dúas bandas.

Na primeira ven de constituirse o “Consorcio de Turismo” da Costa da Morte, que engloba a todos os concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, e terá como obxectivo a promoción turística conxunta de toda a nosa costa. Cun carácter marcadamente político, a presidencia será ocupada por cada un dos alcaldes membros durante un ano, rotándose por orde alfabética a partires de Malpica, o primeiro en liderar o consorcio, e tamén contará con representantes da Dirección Xeral de Turismo da Xunta e da Deputación provincial.

En segundo término falamos do Grupo de Desenvolvemento Rural de Bergantiños (GDR-27 para os amigos, e que engloba a representantes dos nosos concellos), que vai ratificar a súa candidatura para o Plan Leader de Agader mediante un documento borrador que ven de presentar o Concello de Carballo e no que se recollen diagnóstico, opinións e propostas sobre do medio rural da nosa comarca.

Dentro das reflexións habituais que adoitamos facer dende CD gustaríamos aportar un par de cousas. Por unha banda sempre hai que destacar o aspecto positivo do feito de que concellos e administracións diferentes e diferente signo político superen os localismos e se poñan de acordo para traballar conxuntamente. Por outra chama a atención a inmensa lentitude coa que todos estes procesos se desenvolven. Por poñer un exemplo, o Consorcio de Turismo leva máis de 2 anos na incubadora, e polo de agora non ten nin sede nin apenas presuposto. Todo está por facer. E por último e como nota máis negativa está a lonxanísima percepción que a meirande parte dos cidadáns temos destas institucións, que moitas veces manexan cantidades importantes de cartos sen que trascenda demasiado o seu funcionamento nin o seu control, e nas que moitos non ven máis que un sistema de despilfarro e clientelismo. Como os feitos son os que sirven para cambiar as opinións, desexámoslles éxitos e boa xestión.




 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner