Carballo competitivo
Menos mal que estamos gobernados por xente extraordinaria. Hai poucos días que chamabamos a atención sobre a complicada situación económica pola que está a pasar o noso concello, co desemprego en niveis alarmantes, o turismo e a industria caendo, e un sector comercial que medraba moi tímidamente e non conseguía salvar o preocupante descenso da nosa actividade económica. Pensabamos que doutra volta as nosas advertencias ían caer en saco roto, mais non.
Hoxe, nas sempre esixentes páxinas de LVDGE, comprobamos coma tanto o alcalde e a concellería de comercio de Carballo coma a consellería de Industria (compañeiros de partido todos eles), respostaban á crise con verdadeiras medidas económicas destinadas a revertir a tendencia e salvar ás pymes e familias carballesas do negativo camiño polo que ían: a delegada de Industria, Ana Rúa, veu presentar á nosa cidade a campaña "C!omercio galego vivo". En qué consistirá este proxecto de nome tan rechamante? Baixadas de impostos? Facilidade de crédito ós emprendedores? Mellora das rúas? Aparcamentos? Máis peatonalizacións? O tan desexado subterráneo? Non, moito mellor ca todo eso: unha grande carpa instalada na praza do concello de ata 250 m2 onde se desenvolven exposicións, espectáculos, xogos hinchables, e onde hai zancudos e pallasos (esto non é coña nin vai con segundas) para entreter ós nenos mentres os pais fan as súas compras. Coma ben certificou Evencio Ferrero "Carballo escríbese con ce de carballo e con ce de comercio, de competitividade, de compromiso coa sociedade", xusto antes de facer un chamanento "á ilusión" para superar a crise económica. Segundo Ana Rúa estas medidas pretenden lanzar campañas promocionais para que as pymes poidan competir mellor coas grandes superficies.
E por certo que noutra complicada e agresiva entrevista, a propia delegada de Industria se refire ó archifamoso proxecto do mercado municipal, afirmando que "o compromiso de colaboración co concello de Carballo mantense". Tendo en conta o éxito acadado con ese compromiso ata o de agora, agardamos que en lugar de manterse, mellore un pouquiño.
Ai, qué sería de nós e da nosa economía sen estes privilexiados líderes... Xa saben, ante a crise, ilusión.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home