Futuro incerto
“E un mondo dificile, felicita momenti, e futuro incerto”. Sabias palabras de Tonino Carotone. Neste mundo difícil, a felicidade é breve, e o futuro moitas veces resulta tan descoñecido coma preocupante. Hai só uns meses que desfrutabamos do ascenso do Bergantiños á súa categoría deportiva natural, a terceira división, e agora o primeiro clube das nosas comarcas debátese desazonadamente ante a incógnita da súa continuidade. A razón é moi simple: o presidente ata o de agora, José Cotelo, non vai continuar por motivos laborais, e a día de hoxe non se atisba a ninguén que queira tomar as riendas. E un clube sen presidente e sen directiva, sinxelamente non pode existir e non pode competir. Por se isto fose pouco, ou se cadra relacionado co anterior, precísase un apoio económico para que o noso meirande equipo de fútbol participe na categoría nacional.
A alarma saltaba a semana pasada, e dende entón tanto o propio Cotelo coma a comisión xestora presidida por Javier Canedo levan traballando para tentar atopar o home axeitado que poida pilotar a nave carballesa polas difíciles augas do próximo campionato. Sen embargo, polo de agora, fumata negra. E negras son as perspectivas dos xogadores e do corpo técnico, porque esta incerteza complica a situación deportiva duns homes que en plena pretemporada cando a maioría de clubes vai confeccionando as súas plantillas, descoñecen se van seguir ou onde van ter que ir xogar este ano. E todo isto por non falar dos máis de 200 chavales que forman parte das categorías inferiores dun clube que, ademais da competición do primeiro equipo, tamén cumpre unha labor formativa, coma persoas e deportistas, entre os nenos.
Botando unha ollada atrás, non é esta a primeira vez que o Bergan ten problemas para atopar dirixentes. Xa hai anos o propio Concello tivera que participar para impedir un baleiro de poder, e nesta ocasión tamén o propio alcalde manifestou a súa preocupación e a súa disposición a axudar, aínda que “o papel do Concello non pode ser de privilexio hacia ningunha institución, nin hacia ningunha Administració”. Ferrero asegurou que a situación económica do Bergantiños era envexable e rematou considerando que o propio clube debería dar a solución, porque o Concello non podía asumir competencias que non lle eran propias. De ser certo que os problemas non son económicos, é difícil entender que nun concello de 30.000 habitantes ninguén estea pola labor de dar o paso e salvar a unha institución de tanta importancia. Se cadra o traballo de dirixir un equipo de fútbol, cando non é profesional, e moito máis desagradecida e moito menos productiva do que moitos pensan. Dende aquí, ánimo Bergan.
Etiquetas: Bergantiños FC, deporte
2 Comments:
Una precisión, en estos momentos, los equipos de Balonmano y Baloncesto de Xiria compiten en categorías de Nivel Estatal, como si fuera la 2ªB de Fútbol por lo que tiene el derecho a ser considerado primer club de nuestra comarcas, por otro lado, el número de socios no tiene comparación.
22/7/09 11:02
Aproveitando a situación do bergantiños, ¿cantos xogadores do primeiro equipo son da comarca? ¿e de Carballo?.
Levar o nome por galicia adiante está moi ben, pero é mellor que leve ós nosos fillos.
24/7/09 09:22
Publicar un comentario
<< Home