Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

lunes, enero 11, 2010

A mercede dos ricos e poderosos


Así é coma nos pretende deixar a nova lei que prepara o goberno da nación mediante a súa ministra de Cultura, a singular “González Sin-Descargas”. Xa no seu día nos sumaramos ó manifesto a favor da libertade de expresión en internet, e agora non podemos por máis que denunciar de novo o engaño do executivo de ZP, que logo de practica a yenka con esta lei finalmente ven de traizoar ós seus cidadáns autorizando o peche de páxinas webs.

Porque aínda que o foco do debate está centrado nas descargas ilegais de música ou películas protexidas por dereitos de autor, a ninguén se lle escapa que unha lei coma esta pode ser o perfecto coladoiro para permitirlle ós gobernantes pechar todas aquelas voces que poidan resultar molestas. Precisamente, ese é un dos papeis máis importantes e necesarios na rede de redes. O de permitir que os cidadáns humildes e anónimos poidan expresar libremente e con cobertura universal as súas opinións e contar as noticias que outros non queren ver (aí está o exemplo de Irán) evitando o vergoñento control (ou autocontrol) que sobre moitos medios de comunicación exercen políticos e empresarios, ou viceversa. Unha aportación que, dende a nosa modesta posición local, nós tamén nos propuxemos sempre xogar. E boa falta que fai.

Dí a señora Sinde que en ningún caso se pretende pechar blogs persoais. Pero a cuestión non é o que se pretenda, senón se a lei o permite ou non. Porque no caso de que a resposta sexa positiva, non temos dúbida de que antes ou despois non faltará quen tente aproveitala. Como poderedes comprobar a pouco que consultedes foros e blogs, este temor está xeralizado en toda a internet. Se algúns saen coa súa, corremos o perigo de perder gran parte do noso dereito á opinión e á información, e deixar que o noso coñecemento da realidade se limite á que nos poidan contar uns cantos ricos e poderosos.



Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner