Demasiado bo para ser certo
Que sí, que somos desconfiados, pero non é por molestar nin tampouco por método. É por costume, por tantas veces que nos teñen engañado. Por iso incluso as boas noticias, cando parecen seguras, nos dan que pensar.
Hoxe publica a prensa local que a Xunta ven de adxudicar a redacción do proxecto da circunvalación de Carballo. Realizarao a empresa Idom cun prazo de 9 meses. Trátase dun compromiso que adquirira o presidente Feijoo na campaña electoral e que hai tan só uns días reiterou na capital de Bergantiños: que nesta lexislatura estaría contratado o proxecto. E constitúe un novo cumprimento das promesas do novo goberno da Xunta para coas nosas comarcas, trala reducción da peaxe na AG-55 (que aínda está por aplicar, non cantemos vitoria) e a nova licitación da autovía Carballo-Berdoias.
Por iso estamos tan mosqueados. Porque cando uns gobernantes semellan cumprir aparentemente coa súa palabra de forma tan puntual en 3 asuntos diferentes e importantes para as infraestructuras da nosa vila, ten que haber gato encerrado. Ou iso, ou o presidente da Xunta é diferente a todo o que coñecemos ata o de agora. E aínda que soñar é gratis, iso sería demasiado bo para ser certo. Seguiremos facendo marcaxe para descubrir onde reside o engaño.
Etiquetas: circunvalación, Xunta
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home