Manuel, el guerrillero
Fálase moito últimamente a escala nacional de “rebelións”: a rebelión do PP contra a suba do IVE, a rebelión cidadá contra a corrupción e inoperancia dos políticos… Será que en tempos de crise a desesperación xeralizada fai que moitos ánimos anden máis quentes do habitual e que moita xente se decida a pasar á acción. Se cadra desa tensión se ten contaxiado Manuel Andrade. Porque o máis veterán dos políticos carballeses, que hunde as súas raíces en tempos inmemoriales, sae á palestra hoxe para chamar a unha revolución veciñal co gallo da rotonda de acceso ó polígono de Bértoa.
E razón non lle falta ó líder de Terra Galega. Xa en semanas pasadas se tiña posto de manifesto que a nova rotonda (esta sin estatua) que completa as obras de ampliación do polígono industrial (si, ese que ía estar funcionando no 2006), funciona estupendamente para regular o tráfico, pero supón unha barreira para os peatóns. De feito xa varios veciños e empresarios teñen denunciado que, coa súa configuración actual, unha persoa que queira ir de Bértoa á igrexa ou a Carballo ten que meterse polo arcén, porque non hai beirarrúas habilitadas, nin tampouco pasarelas previstas ou calquera outro sistema de paso para persoas. “Máis da metade dos veciños da parroquia quedan desconectados peonilmente coa igrexa, o cemiterio, e co resto de veciños de Mirón e Carballo”, “non valen as desculpas técnicas porque non son verdade”, “é o momento de facer presión e incluso, se fai falla, cortes da estrada con manifestacións periódicas dos veciños”, son algunhas das manifestacións de Andrade.
E aí se cadra xa comeza a patinar o líder “centrista”, porque se efectivamente se trata dun reivindicación xusta, ben podería tornarse en inxusta cando se aplican métodos que perxudican a terceiros, neste caso os usuarios da vía, que ningunha culpa teñen. E ademais porque o señor Andrade non recorda que el é un concelleiro, que foi elexido nas urnas para representarnos a todos dentro dos cauces que a democracia permite, e que se o recurso dun político é chamar a cortar unha estrada, cousa que calquera outra persoa pode facer, daquela mal político é, e de pouco nos sirve que estea alí. Por outra parte, non estaría de máis que Andrade falase antes cos veciños de Bértoa para comprobar se eles están realmente dispostos a chegar onde insinúa, porque é moi fácil chamar a outros a facerse os valientes, pero se cadra non tanto poñerse un en primeira fila. Polo ben de todos, agardemos que os señores de Xestur, que xa tardaron 4 anos de facer as obras, deixen de marear a perdiz e fagan o que teñen que facer. Porque se non fan, os cidadáns temos outras formas moito máis civilizadas e efectivas de manifestarnos. Chámanse votos.
0 Comments:
Publicar un comentario
<< Home