Bitácora de noticias e opinións sobre a actualidade de Carballo

martes, junio 01, 2010

Somos pobres



Non hai un peso. Coma lle pasaba a Mel Brooks en “Qué asco de vida”, pasamos de ricos a pobres, e aínda non o asimilamos nin vemos a maneira de sair do burato. Vémolo todos os días ó noso redor. Paro, recortes salariais, recortes de inversión pública… e últimamente está a ser protagonista o problema dos prezos do solo industrial.

Moitos millóns de euros se invertiron en construir polígonos e parques empresariais na Costa da Morte. Cee, Vimianzo, Malpica, Carballo… e os organismos públicos que o pagaron (Xestur, SEA, etc) marcan un prezo de venda das parcelas para recuperar a inversión. Xa hai dous anos, cando aínda non eramos pobres, saltara a lebre polos prezos do polígono carballés, aínda en obras. Daquela tanto o goberno bipartito coma o PP na oposición falaran de axudas ós empresarios que pretenderan asentarse. Por outra banda, os propietarios de terreo que non foron expropiados e que entraron a formar parte do proxecto, participando da inversión e recibindo a cambio parcelas, din agora que se lles reclaman unhas cantidades pola execución das obras que consideran inxustas e excesivas. E aínda que o delegado da Xunta asegura que cumpriu o prometido e deu todas as facilidades posibles ós empresarios, todos aseguran que as axudas e rebaixas que lles ofrecen as administracións non chegan nin para o chocolate do loro.

E así estamos, enrocados, cuns precioso polígonos baleiros, cunha administración superendebedada, cuns empresarios baixando todos os santos do ceo, coa negra perspectiva da inminente suba do IVE, e sen luz ao final do túnel. Porque agora somos pobres. Ou se cadra xa o eramos antes, ou non eramos tan ricos, e non o sabiamos. E por iso en parte estamos así.

Etiquetas:

 
eXTReMe Tracker
Enlace ó noso arquivo RSS Feedburner